8 de maio de 2019

CRISTELOS (TOMIÑO)

A DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA MELLORARÁ A SEGURANZA VIARIA DA EP-3101 NO LUGAR DE CRISTELOS EN TOMIÑO CUNHA NOVA GLORIETA  

A actuación comezará no verán e incluirá redutores de velocidade, un itinerario peonil seguro e unha nova parada de autobús


 Infografía da ubicación e acabado da rotonda
Fonte: D.PO.

Infogauda / Tomiño 

 “O departamento de Mobilidade da Deputación de Pontevedra resolverá a situación de inseguranza viaria que existe na intersección da estrada provincial EP-3101 no lugar de Cristelos dentro do Concello de Tomiño coa construción dunha nova glorieta”. Así o de ven de adiantar o deputado Uxío Benítez Fernández, quen a súa vez afirma: “A actuación inclúe non só unha rotonda para regular o tráfico, senón tamén a instalación de elementos redutores de velocidade, a delimitación dunha zona de circulación peonil e unha nova parada de autobús, así como novos servizos de alumeado e drenaxe.  

 Segundo Benítez, a mellora da seguranza viaria na zona vén obrigada debido ao tránsito de peóns, coches e buses, xa que existe unha parada do autobús escolar que non está convenientemente sinalizada e tampouco hai un itinerario peonil seguro, posto que non hai cunetas e a beiravía está invadida de maleza 

 O proxecto aprobado pola Deputación inclúe unha ampliación da calzada para a instalación da rotonda no punto quilométrico 3+780, onde será preciso un pequeno desmonte. A nova intersección resolverase cunha nova ronda de diámetro exterior de 28 metros e dous carrís de catro metros cada un. Disporase de áreas peonís na nova parada de bus con espazos de sección media útil de 2,5 metros e crearase unha nova rede de alumeado público con 10 unidades de iluminación led, catro delas nunha columna no anel interior da nova glorieta.   

 O orzamento para esta actuación é de 131.441,31 euros, se ben existe unha proposta de adxudicación que será aprobada na vindeira mesa de contratación que rebaixa substancialmente a licitación ata os 108.964,8 euros. A intención é que a formalización do contrato se realice nas vindeiras semanas, polo que o inicio da obra quedará para principios de verán. O prazo de execución logo do comezo dos traballos será de cinco meses.

Ningún comentario:

Publicar un comentario