21 de maio de 2019

OIA

XOÁN LOIS VILA (CANDIDATO DE MOVEMENTO OIA Á ALCALDÍA): "A CIDADANÍA DEMANDA TRANSPARENCIA, PARTICIPACIÓN E QUE A INSTITUCIÓN MUNICIPAL ESTÉ O SERVIZO DAS MAIORÍAS SOCIAIS"

O próximo venres 24 de maio ás 18:00 horas Movemento Oia presentará a súa candidatura no Colexio Público Mestre Manuel García e fará o peche de campaña no Centro Cultural de Mougás, ás 20:00 horas.


Xoán Lois Vila - no centro da imaxe - xunto con varios membros da candidatura de Movemento Oia

Infogauda / Oia

 Encabezada polo concelleiro Xoán Lois Vila, a lista de Movemento Oia conta nos primeiros lugares coa presenza de María Andura Giráldez, Óscar Suárez Álvarez, Loreto Dorado Silva, José Miguel Sánchez e Ana Rodríguez González. No acto tamén se dará a coñecer os principais obxectivos que conformarán o programa político que esta agrupación presentará nas vindeiras eleccións municipais de maio, e o traballo realizado estes anos no Concello. 

 Movemento Oia é unha asociación que se integra nas mareas municipais que nacen do movemento 15-M. En Marea é a segunda forza política do Parlamento galego que toma iniciativas e expón unha oposición eficaz no mesmo. E que dá liberdade ás mareas locais que equivalen aos círculos de Podemos para que fagan o que entendan que é mellor para as persoas e a cidadanía nos seus concellos. 

 "En Movemento Oia temos afíns a Podemos, Anova, Esquerda Unida, etc. e o obxectivo e os fins son os mesmos, por tanto nestas eleccións municipais somos os representantes naturais de todas esas sensibilidades políticas", dixo Xan Lois Vila. 


Vista parcial da veciñanza que asistiu a un dos actos da campaña de Movemento Oia

 Na convocatoria á presentación oficial da candidatura, Xoán Lois Vila fai referencia en que presentan "unha nova proposta cun grupo de persoas comprometidas coa sociedade actual e real de Oia, de todas as idades e profesións, que traballan día a día en diferentes movementos sociais e veciñais en favor da veciñanza e dos seus dereitos". 

 Afirma que teñen "un proxecto para Oia e un equipo para levalo a cabo. Oia ten futuro se somos capaces de canalizar tódalas necesidades dentro dun entorno sustentable que permita crear traballo, riqueza e fixar poboación para dar un futuro ós mozos e servizos para tódolos veciños"

 "A cidadanía - engadiu o candidato á Alcaldía de Movemento Oia - demanda transparencia, participación e que a institución municipal estea ao servizo das maiorías sociais". 

 O próximo venres 24 de maio ás 18:00 horas Movemento Oia presentará a súa candidatura no Colexio Público Mestre Manuel García e fará o peche de campaña no Centro Cultural de Mougás, ás 20:00 horas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario