17 de maio de 2019

OIA

DAVID REGADES DEMANDA UN APOIO ROTUNDO AO PROXECTO ENCABEZADO POR GERARDO RODRÍGUEZ 

QUE PERMITA IMPULSAR O CAMBIO EN OIA 

• O candidato socialista, Gerardo Rodríguez, avanzou algunhas das propostas para o concello, como o impulso ao Camiño Portugués ou  avanzar na recuperación do Mosteiro de Oia 


Gerardo Rodríguez - 6º desde a esq. -, candidato do PSdeG-PSOE á Alcaldía de Oia, con tódolos compoñentes do seu equipo

Gerardo Rodríguez dirixíndose aos asistentes á presentación da candidatura do PSdeG-PSOE para as eleccions municipais do vindeiro día 26 de maio
  
Infogauda / Viladesuso (Oia)

 O restaurante Lugar acolleu onte a noite un encontro coa Agrupación Socialista de Oia encabezada por Gerardo Rodríguez, quen trasladou á veciñanza as súas propostas "para darlle a Oia o cambio que precisa e recuperar estes anos perdidos". O candidato á Alcaldía de Oia polo PSdeG-PSOE lembrou que os populares volveron a gobernar a través dunha moción de censura pero quen nin neste último mandato nin nos 40 anos anteriores fixeron unha aposta real por este concello.  

 "Agora fan fotos con altos cargos pero fanas diante de obras e infraestruturas que se fixeron con cartos da Deputación de Pontevedra, que leva investidos en Oia neste mandato case 2,5 millóns de euros", afirmou o secretario xeral dos socialistas da provincia de Pontevedra, David Regades, quen arroupou a Gerardo Rodríguez nun acto no que tamén participou a parlamentaria electa por Pontevedra, ao Congreso dos Deputados Mª de los Ángeles Marra Domínguez.  


David Regades, secretario xeral dos socialistas da provincia de Pontevedra, na súa intervención de onte

 Regades amosouse convencido do triunfo dos socialistas en Oia, "un triunfo rotundo, sen paliativos, que permitirá que Gerardo poida relanzar de novo a Oia e poñela no lugar que lle corresponde, despregando o proxecto que ten para este concello", afirmou, ao tempo que tamén tendéulle a man tamén como delegado da Zona Franca para impulsar economicamente o concello e levar adiante propostas conxuntas que permitan xerar emprego e oportunidades para a veciñanza. "E iso será posible porque tes as administracións públicas do teu lado, tes a Zona Franca, terás a Deputación de Pontevedra con Carmela Silva de novo á cabeza e terás tamén o goberno autonómico cando Gonzalo Caballero sexa o próximo presidente da Xunta de Galicia", afirmou entre aplausos.  



                  Gerardo Rodríguez, candidato do PSdeG-PSOE á Alcaldía de Oia

 
 Gerardo Rodríguez, pola súa banda, tamén aproveitou para agradecer o apoio da Deputación de Pontevedra, que cos seus investimentos fixo posible garantir servizos básicos para os veciños do concello, ademais de afrontar investimentos fundamentais en materia de abastecemento, mobilidade ou infraestruturas e aproveitou para esbozar as primeiras medidas de goberno, de contar co apoio das veciñas e veciños de Oia.  

 Neste sentido, o candidato socialista de Oia amosouse partidario de avanzar no proceso de recuperación do Mosteiro de Oia, que reabriu este ano nas súas visitas  pero ao que lle resta moito para ser un proxecto economicamente viable que garanta a posta en valor destes patrimonio. Ademais, Rodríguez avanzou que  "imos facer unha aposta firme e decidida polo Camiño de Santiago, que está chamado a ser un dos nosos motores económicos, especialmente de cara á vindeira celebración do Xacobeo 2021", afirmou. 

 Cabe lembrar que o Camiño Portugués recorre os 17 quilómetros de liña costeira do concello de Oia, o que fai que os peregrinos fagan unha etapa completa neste territorio, co conseguinte impacto económico. Este itinerario é o segundo máis empregado polos camiñantes que van cara a Santiago. O ano pasado foron 68.000, unha cifra que medra cada ano, o que ofrece moitas oportunidades de promoción turística e impulso económico para Oia.  

 Pola súa banda, Ángeles Marra subliñou que é posible “unha alternativa de progreso en Oia, cun goberno presidido po Gerardo Rodríguez para toda a cidadanía”. “Imos traballar para que a confianza depositada en Pedro Sánchez nas pasadas eleccións xerais se consolide en todas as alcaldías da provincia e teñamos alcaldes socialistas como Gerardo Rodríguez”, afirmou a parlamentaria electa desde o pasado 28 de abril.

 “Imos demostrar que é posible gobernar doutra forma”, engadiu Marra, “dando confianza e seguridade ás nosas e nosos maiores asegurando que as pensións se revaloricen, apoiando a educación pública con bolsas, pública e gratuíta de 0 a 3 anos, con salarios dignos, xustiza social, convivencia e igualdade de oportunidades”, expuxo.  

 A deputada defendeu que os socialistas “traballamos coa mirada positiva e altura de miras” desde que Pablo Iglesias fundou o PSOE fai 140 anos, recordando a importancia de ir votar o próximo 26 de maio “para seguir avanzando”. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario