9 de maio de 2019

A GUARDA

MEDIO AMBIENTE

A veciñanza guardesa recicla máis de 4 toneladas de roupa usada en 4 meses  


Contedor para á recollida selectiva de roupa, téxtiles usados e zapatos
Foto: C.A.G.

Infogauda / A Guarda

 O servizo de recollida selectiva de roupa e téxtiles usados comezou a principios do ano 2019 na Guarda coa instalación de contedores en varias rúas do municipio.  

 Esta medida tomouse dende a Concellería de Medio Ambiente ante o elevado número de quilos deste tipo de materiais que se viñan recollendo no punto limpo, o que motivou a facilitar aos veciños desfacerse da roupa e téxtiles usados para a súa posterior reciclaxe en centros específicos de tratamento e transformación.  

 Neste senso instaláronse xa 5 contedores, emprazados no aparcamento da Rúa Malteses (O Reghiño), nas rúas Donantes de Sangue, Puerto Rico, Rúa Manuel Álvarez e Julia Vaquero, e outro máis que se emprazará proximamente na Gándara.  

 Dende a súa instalación, e en tan só 4 meses, recolléronse nestes contedores un total de 4.443 quilos de roupa usada e téxtiles, sen contabilizar nestes datos os quilos que se recolleron a maiores no punto limpo da Guarda.  

 O Concello de A Guarda considera que coa instalación destes contedores mellorouse notablemente este servizo, e facilitouse tamén a reciclaxe destes materiais, tendo unha previsión de aumentar o número deste tipo de contedores a máis parroquias da vila proximamente, dentro da folla de ruta da Estratexia Europea 2020 e nas medidas recollidas no paquete de economía circular.  

 Estes contedores están pensados para depositar roupa e téxtiles usados, así coma tamén zapatos, un servizo de recollida selectiva realizado pola empresa Texlimca, S. A., encargada da recuperación e reciclaxe deste tipo de materiais.  

 A Concellería de Medio Ambiente do Concello de A Guarda continúa deste xeito coa mellora das taxas de reciclaxe, contando ademais cun dos puntos limpos de referencia a nivel autonómico. O Plan de xestión de residuos sólidos urbanos de Galicia (PXRUG) 2010-2020, establece as bases para impulsar a xestión de residuos urbanos en Galicia, facendo especial fincapé na prevención e a valorización dos residuos, accións que van en consonancia co Plan Estatal Marco de Xestión de Residuos (PEMAR).

Ningún comentario:

Publicar un comentario