15 de abr. de 2019

PONTEVEDRA

José Manuel Rey García, novo director do Museo de Pontevedra  

Asume o posto co reto de converter o Museo nunha referencia internacional


A presentación tivo lugar no Sexto Edificio do museo e ademais de César Mosquera, tamén estiveron presentes o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, a xefa de xestión do Museo, Sonia Mateos, e o propio José Manuel Rey
Foto: D. PO.

Infogauda / Pontevedra

  "O museo ten sorte, a Deputación ten sorte, e todos temos sorte porque resultou elixida unha persoa que coñece este Museo, ten experiencia e está no seu mellor momento profesional" aseguraba o vicepresidente da Deputación na presentación pública de José Manuel Rey García como novo director do Museo de Pontevedra. César Mosquera aproveitou para lembrar que cando se convocou a praza "xa anunciabamos que iamos a por todas, que buscabamos un perfil elevadísimo, con experiencia e capacidade, e con José Manuel Rey xuntámolo todo". A presentación tivo lugar no Sexto Edificio do museo e ademais de Mosquera, tamén estiveron presentes o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, a xefa de xestión do Museo, Sonia Mateos, e o propio José Manuel Rey.  

 O vicepresidente resumiu en tres puntos os principais factores que fan de Rey García a persoa idónea para desempeñar o posto de dirección ofertado. En primeiro lugar indicou que "é unha persoa de Pontevedra e que lle quere a Pontevedra", en segundo que "é unha persoa do Museo de Pontevedra, que comezou a súa traxectoria nesta casa como bolseiro durante tres anos", e a terceira que "ten toda a capacitación". Mosquera fixo fincapé nas súas "condicións de independencia" e asegurou que "se presentou a esta praza sen buscar apoios, presentou a súa memoria por rexistro e foi claramente a mellor." Sobre o proceso de selección informou o deputado de Cultura e Lingua explicando que foron 9 as persoas que se presentaron e que tras ser valoradas polo comité técnico os currículos e as memorias, houbo unanimidade na escolla de José Manuel Rey. Xosé Leal tamén indicou que "as propostas e os perfís eran moi diferentes, o que vén indicar a importancia e o interese que hai neste museo". Anunciou ademais que o nomeamento será oficial toda vez se publique no BOPPO –publicación prevista para o vindeiro luns–, e que a incorporación de Rey García ao seu posto se fará efectiva despois de Semana Santa. Leal tamén mencionou as características de José Manuel Rey asegurando que "conta con experiencia como traballador da Administración, e tamén na investigación e na docencia". Por último, o deputado situou o reto do novo director en "facer deste Museo unha referencia a nivel internacional".  

Un museo internacional e aberto á sociedade  

 Conseguir que o Museo de Pontevedra teña maior repercusión internacional e abrilo á sociedade fomentando a súa participación, foron dúas das liñas de traballo que salientou José Manuel Rey na súa primeira intervención como futuro director do museo. Rey García asegurou que "o museo non pode ser un mausoleo, e abrilo á sociedade non significa renunciar ao rigor científico", ao tempo que engadiu que "os museos máis valorados e os que están marcando a pauta aos demais son os que xa fixeron ese traballo de apertura social". Neste punto, explicou que apostará por "unha práctica museal baseada no diálogo, no debate crítico, e no fomento do acceso universal a todo tipo de públicos". Unha práctica que deriva "do momento de profunda transformación que están a vivir os museos, que teñen que adaptarse a un ritmo vertixinoso a todos os cambios que estamos a vivir nos últimos anos" engadiu.  

 Rey García tamén indicou que "o Museo de Pontevedra xa ten unha ampla repercusión a nivel autonómico e estatal pero precisa maior proxección internacional" e para iso apuntou que sería interesante "participar en redes de cooperación internacional para promover o intercambio de experiencias entre diferentes puntos do territorio europeo". Tamén mencionou outras liñas de actuación como o papel do museo na transferencia de coñecemento a través da investigación e o debate crítico; a mediación cultural a través da aprendizaxe interactiva e o intercambio de experiencias e emocións; ou o incremento da oferta cultural, educativa e lúdica diferenciada, incorporando as novas tecnoloxías da comunicación e da información. Para acadar estes obxectivos de traballo, 

 José Manuel Rey asegurou que ten confianza en que o equipo de traballadores cos que conta a institución se sumen a unha visión compartida do museo, e tivo tamén palabras de agradecemento para o anterior director, Carlos Valle, porque "todo o traballo que eu pretendo desenvolver aséntase nas bases e nos logros que el deixou establecidos e na súa impronta".  José Manuel Rey García é licenciado en Xeografía e Historia, e especialista na xestión do patrimonio arqueolóxico e na arte rupestre prehistórica. É funcionario de carreira e forma parte do Corpo Facultativo Superior da Xunta de Galicia desde 1994. Tamén é profesor titor con ‘venia docendi' do Centro Asociado de Pontevedra da UNED desde 1999. Ocupou o cargo de director do Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro desde 2011 ata a actualidade e é xefe de sección III no Servizo de Arqueoloxía da Xunta desde 1999. Tamén acredita ser autor de cinco libros, de seis capítulos de libros, de 29 artigos, 45 comunicacións e relatorios presentados en congresos de ámbito nacional e internacional, director de nove intervencións arqueolóxicas en xacementos en Galicia, e ter participado en catro proxectos de investigación a escala europea. Foi bolseiro de Prehistoria e Arqueoloxía no Museo de Pontevedra os anos 1988, 1989 e 1990.

Ningún comentario:

Publicar un comentario