15 de abr. de 2019

A GUARDA

PATRIMONIO

Visita guiada ás escavacións das salinas romanas do Seixal 

O sábado día 20 de abril, ás 10:45 horas dende o porto de A Guarda




Infogauda / A Guarda

 O Concello de A Guarda informa que o vindeiro sábado día 20 de abril, ás 10:45 horas, dende o porto, realizarase unha visita guiada ás escavacións das salinas do Seixal, enmarcadas no proxecto “A Guarda, Mar de Sal”. 
  
 Esta visita guiada, que conta coa coordinación da Asociación Naturalista "Baixo Miño" (ANABAM), realizarase de xeito gratuíto, e terá unha duración aproximada de 2 horas, empregando a senda litoral. 

 Na actualidade a zona de intervención arqueolóxica atópase na fase de restauración e consolidación definitiva, o que permite xa apreciar as súas estruturas.  
 
 Tamén nestes intres se levan adiante outras iniciativas como a musealización do xacemento e se publicarán os resultados das investigacións iniciadas o ano pasado.  

 Dende o Concello da Guarda queren agradecer a dedicación e entusiasmo mostrado polo numeroso equipo de arqueólogos e alumnos en prácticas das universidades de Coimbra, Vigo e Santiago, que fixeron posible que, nun curto espazo de tempo, A Guarda poda coñecer un pouco mellor o seu pasado romano.  

 «A Guarda, Mar de Sal» é un proxecto de recuperación e posta en valor das salinas romanas da zona do Seixal e das rupestres localizadas nas zonas de As Lagoas e Porto Santo (Camposancos), así como tamén noutras ubicacións - Punta dos Picos, Sollás, Fonte Quente,... - da orla litoral na fachada atlántica sur do termo municipal de A Guarda.

 O devandito proxecto levaráse a cabo en dúas anualidades ao amparo das estratexias de desenvolvemento local participativo EDLP GALP7-066 aprobadas polos Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro para o desenvolvemento sostible das zonas de pesca no marco do Fondo Europeo Marítimo e da Pesca 2014-2020, baixo a coordinación científica de Brais X. Currás.  

 O obxectivo do proxecto é o desenvolvemento económico local a partir da posta en valor das paisaxes do sal da Guarda como ben patrimonial concibido como ferramenta para a promoción dun turismo sustentable e de calidade, pero tamén como un  medio cultural para o reforzo da identidade mariñeira e a cohesión social das comunidades ligadas ao mar.  

 O proxecto «Mar de Sal» fundaméntase na necesidade de sustentar o desenvolvemento patrimonial sobre un sólido respaldo científico. O estudo rigoroso das paisaxes do sal e a súa posta en valor permitirán crear un recurso patrimonial posto ao servizo da cidadanía.   

 O importe total subvencionado por parte da Consellería do Mar é de 74.496,68€, repartidos en dúas anualidades (2018 e 2019). Proxecto GALP7-066.

Ningún comentario:

Publicar un comentario