21 de mar. de 2019

TUI

A Deputación de Pontevedra aproba dúas novas achegas para Tui por preto de 165.000 euros  

Con estes investimentos do Plan Concellos 2019, a vila poderá acometer a mellora do parque de Areas e a reforma da rede de saneamento nun edificio de vivendas en Caldelas

Infogauda / Tui

  A Deputación de Pontevedra aprobará este próximo venres en Xunta de Goberno dous novos investimentos por un valor de 164.707,44 euros para Tui con cargo á liña 1 do Plan Concellos 2019. En concreto, son 94.759,04 euros para a reforma da rede de saneamento e melloras na drenaxe e ventilación da cámara na planta baixa dun edificio de vivendas en Caldelas, e outros 69.948,40 euros para financiar o acondicionamento do parque de Areas.  

 Máis polo miúdo, no edificio de vivendas de Caldelas proponse a execución dunha nova rede de saneamento comunitaria, tanto horizontal como vertical; a instalación dunha nova rede de pluviais; e a mellora de drenaxe e ventilación do espazo baixo forxado. Estas obras son precisas para emendar os danos producidos no edificio, relativos a humidades, atascos no sistema de saneamento e outras patoloxías.  

 Por outra banda tamén se van a realizar actuacións de mellora para a adecuación e acondicionamento do parque de Areas. Máis polo miúdo, o que se pretende é crear un lugar de sombra e estancia, mediante a disposición dunha gran xardineira delimitada por un banco corrido de pedra ao longo do muro de peche da parcela, con distintas orientacións, creando un espazo irregular.

Ningún comentario:

Publicar un comentario