O 20 de marzo entréganse os Premios San Clemente 'O Camiño das Letras'
O secretario xeral de Política Lingüística participou hoxe na rolda de prensa na que se deu a coñecer o programa dos actos
Marcos Calveiro, Pedro Mairal e Han Kang recollerán os galardóns concedidos por primeira vez por máis dos 1000 lectores e lectoras galegos e europeos participantes nesta XXIV edición
O secretario xeral de Política Lingüística cos representantes da entidade promotora do recoñecemento e os directores dos institutos de ensino secundario da capital de Galicia
Foto: X.G.
Infogauda / Santiago de Compostela
O XXIV Premio Literario Arcebispo Juan de San Clemente Rosalía-Abanca O Camiño das Letras,
impulsado pola Asociación Cultural Instituto Rosalía de Castro en
colaboración coa Consellería de Cultura e Turismo, a través da
Secretaría Xeral de Política Lingüística, e co patrocinio de Abanca fará
entrega dos seus galardóns a Marcos Calveiro (lingua galega), Pedro
Mairal (lingua castelá) e Han Kang (lingua estranxeira) o vindeiro
mércores 20 de marzo, nun acto que se celebrará no auditorio compostelán
Abanca.
Así o deron a coñecer hoxe pola mañá en rolda de prensa
os representantes da entidade promotora do recoñecemento, acompañados
polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e polos
directores dos institutos de ensino secundario da capital de Galicia.
“Os galardóns implicaron nesta edición, por primeira vez, máis de 1000
alumnos e alumnas, tanto galegos coma doutros centros de ensino
estranxeiros que colaboran nel, o que dá conta da importante proxección
que este recoñecemento lle ofrece á literatura escrita na lingua propia
de Galicia, da man da colaboración interinstitucional e da implicación
da comunidade educativa compostelá”, sinalou o responsable de Política
Lingüística, quen quixo destacar tamén “a importante contribución ao
sistema literario galego promovida desde unha iniciativa escolar” e
felicitar, tanto á asociación organizadora coma aos representantes dos
institutos participantes, desexándolle “mil primaveras e moitas máis a
todas estas iniciativas”.
Programa da entrega da XXIV edición
O XXIV Premio San Clemente Rosalía-Abanca O Camiño das Letras,
convocado pola Asociación Cultural Instituto Rosalía de Castro coa
colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística e o patrocinio
de Abanca, entregará os seus galardóns o vindeiro mércores 20 de marzo,
nun acto que se celebrará ás 19,00 horas no auditorio compostelán
Abanca. Recolleranos, na modalidade de novela en galego, Marcos Calveiro
pola obra O xardineiro dos ingleses, coa
que xa obtivera tamén o Premio García Barros do Concello da Estrada;
nas outras dúas, novela en castelán e en lingua estranxeira, farano
Pedro Mairal, con La uruguaya, e Han Kang, con A vexetariana, respectivamente.
Ese
mesmo día, o programa de actos inclúe varias citas no IES Plurilingüe
Rosalía de Castro, que se abrirán cun coloquio-debate co escritor
galego, ás 10,00 horas, ao que seguirá unha rolda de prensa na que
participarán os tres galardoados, ás 11,30 horas. Pechará a xornada de
mañá un coloquio-debate con Pedro Mairal, ás 12,15 horas. O
coloquio-debate coa escritora Han Kang está previsto para o xoves 21, ás
12,15 horas, no mesmo IES.
De iniciativa escolar a galardón literario de referencia internacional
Os
Premios Arcebispo Juan de San Clemente naceron por iniciativa do IES
Plurilingüe Rosalía de Castro baixo tres modalidades – linguas galega,
castelá e estranxeira- e cun xurado conformado por alumnos do propio IES
e doutros cinco institutos galegos escollidos cada edición por sorteo
(na presente, os IES Plurilingüe Rosalía de Castro, Antonio Fraguas
Fraguas de Santiago, Xosé Neira Vilas de Oleiros, Sánchez Cantón de
Pontevedra, Xoán Montes de Lugo e Ramón Otero Pedrayo de Ourense).
Ao
longo das sucesivas edicións, a participación fíxose extensiva desde o
ano pasado á totalidade dos IES da capital galega que ofrecen estudos de
bacharelato, e a ela súmase tamén a de diferentes centros estranxeiros
(Hockerill Anglo European College de Londres, Inglaterra; Lycée Saint
François Xavier de Vannes, Francia; Grimmelshausen Gymnasyum de
Gelnhausen, Alemaña; Escola Secundaria de Santa Comba Dão, Portugal; e
Colexio nº 1558 Rosalía de Castro de Moscú, Rusia).
Para alén do
que a iniciativa supón no referido ao estímulo do hábito lector entre o
estudantado, o seu éxito ofrécelle tamén ao alumnado a oportunidade de
compartir unha xornada cos/as galardoados/as que, cada ano, se dan cita
en Santiago de Compostela para recoller este recoñecemento. Ao longo das
súas dúas décadas de historia o galardón colleitou unha excelente
acollida e implicou autores Nobel, como Mario Vargas Llosa ou José
Saramago.
Ningún comentario:
Publicar un comentario