12 de mar. de 2019

VIGO

A sala de exposicións da Delegación da Xunta en Vigo acolle 'Lugares' da viguesa Fernanda Fernández Suárez  

A exposición, que se desenvolverá ata o vindeiro 1 de abril, está composta por 25 obras en óleo de temática diversa sobre aspectos que inquietan á autora

O delegado Ignacio López-Chaves salientou na inauguración o potencial, a creatividade e a sensibilidade desta artista cunha ampla traxectoria pictórica


Ignacio López-Chaves, delegado da Xunta de Galicia en Vigo, inaugurou á mostra
Foto: X. G.

Infogauda / Vigo
 
  A planta baixa da Delegación Territorial da Xunta en Vigo acollerá ata o vindeiro 1 de abril a exposición Lugares da artista bonaerense afincada en Vigo Fernanda Fernández Suárez. Unha mostra que este mediodía era inaugurada polo delegado da Xunta, Ignacio López-Chaves, quen aproveitou a ocasión para salientar o potencial, a creatividade e a sensibilidade desta artista cunha ampla traxectoria pictórica.

 O representante autonómico puxo en valor a exquisita técnica realista da obra de Fernández Suárez, compañeira do departamento do Servizo de Orientación e Promoción Laboral da Consellería de Economía, Emprego e Industria, quen desde que chegou a Vigo en 1990 non cesou de expoñer con grande éxito en distintas cidades e galerías nacionais.

 Din dela que a luz dos seus cadros “aporta máis que a estación do ano e a hora do día, que fala da limpeza do aire do bosque, da densidade do aire industrial e do sal do mar...”.

 A mostra que desde hoxe colga das paredes da zona de exposicións da Delegación Territorial está composta por 25 obras en óleo sobre tea, unha coidada selección da autora da que transcende unha incansable procura da perfección, captando co pincel non só o que ollo ve. A natureza, o paso do tempo o mundo do deporte... son aspectos que ocupan a vida de Fernández Suárez nos últimos anos e que agora presenta ao público vigués a través dos lenzos que compoñen Lugares.
 Esta exposición súmase así ás múltiples mostras de artistas e colectivos que xa se realizaron na planta baixa do edificio administrativo do Goberno galego, así coma aos cursos e xornadas que se desenvolven no salón de actos ou a organización de actividades culturais e mesas solidarias coma as de DOA ou a AECC, entre outras. Sempre co obxectivo de abrir o edificio administrativo á participación dos cidadáns.

 Cómpre lembrar ademais que as instalacións da Delegación Territorial –o salón de actos e a zona de exposicións- están dispoñibles para que todos os colectivos e asociacións parroquiais da cidade acheguen as súas actividades culturais e sociais aos cidadáns, co obxectivo de que transcendan máis aló do seu propio ámbito parroquial e todos os vigueses e viguesas poidan coñecelas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario