12 de mar. de 2019

LINGUA

As axudas para normalización e dinamización lingüística apoian programas de 35 concellos da provincia  

Para creación e mantemento de servizos de normalización lingüística concédese axuda a 7 concellos, e para promoción de programas de dinamización a 28 concellos




Infogauda / Pontevedra

  O Servizo de Cultura e Lingua da Deputación de Pontevedra está procedendo a comunicar a resolución das axudas para dinamización lingüística aos 35 concellos que presentaron solicitudes ao abeiro desta liña. Hai que lembrar que esta liña de subvencións foi creada no presente mandato co obxecto de propiciar que os concellos da provincia poidan contar con apoio ou ben para a creación ou mantemento dun servizo de normalización municipal, ou ben para o desenvolvemento de programas de dinamización da lingua.  

 Con respecto ás solicitudes aprobadas cabe salientar que, con respecto á convocatoria do pasado ano, se mantén o número de concellos que apostan pola opción de creación e mantemento do servizo municipal de normalización. Trátase dos concellos de Bueu, A Cañiza, O Grove, Nigrán, Moaña, Redondela e Vilagarcía de Arousa.  

 En canto á modalidade de promoción de programas de dinamización da lingua galega, esta liña esixe que as entidades solicitantes desenvolvan accións transversais en ao menos tres eidos dun total de oito: ensino, comercio, tecnoloxías da información, turismo, premios e distincións, urbanismo e medio natural, e benestar social. Así, aprobáronse programas que inclúen actividades de narración oral, campañas da man do comercio local, certames de creación en lingua galega, obradoiros de regueifa, roteiros lingüísticos, teatro na rúa ou proxectos de recuperación da toponimia.  

Distribución por comarcas  

 Na comarca de Vigo foron aprobadas axudas por un importe total de 54.166,01 euros, que corresponden a un total de 7 solicitudes. O concellos de Nigrán e Redondela solicitaron para mantemento do servizo de normalización lingüística, mentres que os concellos de Baiona, Soutomaior, Fornelos de Montes, Mos e Pazos de Borbén solicitaron para promoción e desenvolvemento de programas de dinamización da lingua galega. 

 Na comarca do Salnés o conxunto das axudas ascende a 45.237,3 euros, para un total de 4 solicitudes. Os concellos de Vilagarcía de Arousa e O Grove solicitaron para mantemento do servizo de normalización lingüística; e os concellos de Cambados e Ribadumia solicitaron para programas de dinamización.  

 Na comarca do Condado-Paradanta as axudas suman o total de 39.000 euros. O concello da Cañiza solicitou para servizo de normalización lingüística, mentres que os concellos de Mondariz, As Neves e Ponteareas presentaron programas de dinamización da lingua galega. 

 Na comarca de Deza-Tabeirós o importe concedido ascende a 13.074,01 euros para dúas solicitudes para promoción e desenvolvemento de programas de dinamización da lingua galega que corresponden aos concellos de Silleda e A Estrada. 

 Na comarca do Morrazo as axudas suman 45.580,23 euros e presentaron solicitudes os 4 concellos. O concellos de Bueu e Moaña presentaron para o mantemento do servizo de normalización lingüística e Cangas e Marín para programas de dinamización da lingua.  

 Na comarca de Caldas o importe total das solicitudes concedidas suma 30.625,29 euros. As solicitudes, todas para programas de dinamización, corresponden aos concellos de Catoira, Cuntis, Moraña, Portas, Pontecesures e Valga. 

 Na comarca de Pontevedra o total das axudas ascende a 26.004,96 euros. Foron un total de 5 solicitudes, para desenvolvemento de programas de dinamización, e corresponden aos concellos de Barro, Cerdedo-Cotobade, A Lama, Poio, e Ponte Caldelas. 

 Na comarca do Baixo Miño as axudas suman 13.270,46 euros. Presentaron solicitudes os concellos de A Guarda, Oia e Tomiño. Os tres para promoción e desenvolvemento de programas de dinamización da lingua galega.

Ningún comentario:

Publicar un comentario