27 de mar. de 2019

A GUARDA

Amplíase o prazo para visitar a Exposición «Rompe, Xoga en Igualdade»

Esta exposición estará no vestíbulo da Casa dos Alonso ata o vindeiro 23 de abril e poderá visitarse de 8:00 a 15:00 horas
 



Infogauda / A Guarda

 Dende o xoves 7 de marzo, o Concello de A Guarda acolle a exposición «Rompe. Xoga en igualdade», enmarcada dentro das actividades programadas na conmemoración do  Día Internacional da Muller 2019.  


Esta imaxe corresponde o día da inauguración da exposición «Rompe. Xoga en Igualdade»
Fotos: C.A.G. 

 Na inauguración da exposición «Rompe. Xoga en Igualdade», unha rompedora mostra da Deputación de Pontevedra coas "Barbies intervidas" coma protagonistas, contouse coas intervencións do alcalde de A Guarda, da tenente de alcalde, da concelleira de Servizos Sociais, así como das súas creadoras, Isabel Blanco e Irene Silva.  

 Esta exposición estará no vestíbulo da Casa dos Alonso ata o vindeiro 23 de abril e poderá visitarse de 8:00 a 15:00 horas. Está protagonizada polas famosas bonecas "Barbie", que foron intervidas para denunciar de forma impactante e rompedora a desigualdade entre homes e mulleres. 

 Trátase dunha mostra vangardista e rompedora para golpear as conciencias e para facer pensar e reflexionar, cuxo obxectivo é non deixar a ninguén indiferente. Pretende "romper" e reivindicar a igualdade entre mulleres e homes, así como concienciar á sociedade da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e do fin da discriminación e da violencia contra o 52 % da poboación. Para lograr estes obxectivos hai que "romper" e traballar arreo para evitar a invisibilidade das mulleres.

 As bonecas como arquetipo da "muller obxecto" que amosan situacións de desigualdade, violencia e discriminación. Unha exposición itinerante creada por Isabel Blanco e Irene Silva e con fotografías de Noemí Chantada. 

 "Rompe. Xoga en igualdade" consta de 18 paneis cheos de poesía visual que teñen por obxectivo cambiar o mundo e golpear as conciencias. Así, as protagonistas dos paneis amosan as situacións de desigualdade, violencia e discriminación que viven as mulleres desde nenas, recalcando a importancia do xogo para a educación, transmisión de valores e formación de nenas e nenos. A boneca seleccionada para a mostra foi a "Barbie" por tratarse da máis famosa da historia e coa que, a diario, xogan milleiros de nenas no mundo, pero que, ao mesmo tempo, presenta a unha muller obxecto que transmite valores sexistas que se están a reproducir tanto nos xogos como nas condutas das nenas e nenos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario