O Concello de A Guarda reclama un acceso sur ao porto da localidade
· Grazas
á colaboración da Deputación de Pontevedra, xa se conta cun proxecto
para esta infraestrutura
· Actualmente atópase en fase de
procedemento simplificado de avaliación ambiental, cun orzamento que
ascende a 2.415.892,22
Infografías do trazado da saída Sur do porto de A Guarda
Fonte: C.A.G.
Infogauda / A Guarda
O pasado mércores día 6 de marzo de 2019 o alcalde de A Guarda, Antonio Lomba Baz, reuniuse en Santiago de Compostela coa conselleira do Mar, Rosa Quintana, e o presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, para trasladarlles novamente “a necesidade dunha infraestrutura que de acceso e saída ao porto de A Guarda”.
Nesta reunión o edil guardés indicoulles que “na actualidade, grazas á colaboración da Deputación de Pontevedra, xa se conta cun proxecto para esta infraestrutura, que se atopa actualmente en fase de procedemento simplificado de avaliación ambiental, cun orzamento que ascende a 2.415.892,22€”.
TRÁTASE DUNHA INFRAESTRUCTURA FUNDAMENTAL
“Esta infraestrutura é fundamental para dar acceso ao porto de A Guarda, dado que ao rematar as obras de Concepción Arenal ese acceso vai a ser moito máis difícil, e tamén dende o consistorio se entende que ademais da pesca e da actividade das redeiras existen outras actividades, importantes para o tecido económico da vila, polo que se poden explorar outras vías de financiamento. Os colectivos que amosaron máis interese por esta infraestrutura foron a confraría e as redeiras, que empregan estes viais para o transporte de redes e marisco”, argumentou o alcalde de A Guarda.
Para Antonio Lomba “é moi importante recoñecer que o concello de A Guarda por si só non pode capitalizar esta obra, aínda que colabore economicamente, e terá que ser unha administración supramunicipal a que o faga, ben Xunta de Galicia ou Deputación de Pontevedra, entendendo que a Consellería do Mar é que ten máis relación con esta infraestrutura”.
Desde o executivo municipal do Concello de A Guarda afirman que “o presidente de Portos de Galicia indicou que este proxecto non toca na zona portuaria, pero tamén é certo que en moitas zonas de Galicia existen viais que non tocan nos portos, pero que si comunican e dan acceso aos mesmos.
A actividade pesqueira e marisqueira na Guarda non vai a ir a menos, a previsión é que no futuro aumente a actividade económica do porto dado as grandes posibilidades que ofrece tanto a nivel comercial como turístico”.
Antonio Lomba entende que “é unha infraestrutura que se debe financiar dende diferentes administracións, ben Consellería de Infraestruturas, Consellería do Mar, Xunta de Galicia, Deputación de Pontevedra e o propio Concello de A Guarda, xa que é un vial fundamental para o futuro da Guarda e para o desenvolvemento económico da zona do porto”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario