28 de feb. de 2019

TOMIÑO / VILA NOVA DE CERVEIRA

Nais e pais de Cerveira e Tomiño planifican xuntos actividades lúdico-educativas para os meses de xullo e outubro 

As actividades son as incluídas nos proxectos gañadores do OPT (Orzamento Participativo Transfronteirizo) 2019  


Representantes das ANPAs de Vila Nova de Cerveira e de Tomiño nunha reunión de traballo celebrada recientemente
Foto: C.T.

Infogauda / Tomiño / Vila Nova de Cerveira

 As asociacións de nais e pais de Vila Nova de Cerveira e de Tomiño (ANPAs) comezaron a planificar en días precedentes, as actividades dos proxectos gañadores no Orzamento Participativo Transfronteirizo (OPT) 2019.  

 Trátase de dous proxectos impulsados conxuntamente polas asociacións de pais e nais dos dous concellos, que durante o proceso de votación obtiveron máis do 50% dos votos e serán desenvolvidos ao longo deste ano, cadanseu cun orzamento de 10.000 euros.  

 Un dos proxectos pretende a conciliación laboral para as familias, a través de actividades lúdico-educativas nunhas vacacións activas e creativas, a desenvolver no mes de xullo.  

 O outro proxecto gañador persigue educar en valores, a través de actividades artísticas e medioambientais, entre as que están previstas visitas a unha granxa-escola e experimentación con materiais de refugallo. Esta actividade está prevista para o mes de outubro.  

 Os organizadores tentarán implicar nestas actividades compartidas, até 400 nenas/os de entre 3 e 12 anos, tomiñeses e cerveirenses.

Ningún comentario:

Publicar un comentario