O Concello de A Guarda solicita un camión motobomba de intervención urbana
Infogauda / A Guarda
Esta semana o concelleiro delegado de Emerxencias do Concello de A Guarda, Miguel Ángel Español Otero, remitiu unha misiva ao director xeral de Emerxencias, da Xunta de Galicia, para trasladarlle a demanda existente dun camión motobomba de intervención urbana.
Desde o executivo municipal do concello guardés lémbrase: “Dende fai moitos anos, primeiro a través dos grupos GLPA, despois da A.VV.P.C. e GMIR, posteriormente GRUMIR e dende o ano 2013 co GES, o Concello de A Guarda participou e participa activamente, tanto na extinción de incendios forestais da comarca, e incluso fora dela, como en todo tipo de emerxencias urbanas, tráfico, industriais, etc.
Esta participación incrementouse extraordinariamente a partir do ano 2013, data na que entrou en funcionamento o GES con sede na Guarda e cun ámbito de actuación de catro concellos: A Guarda, O Rosal, Tomiño e Oia”.
Segundo afirman desde o executivo local “para a prestación do servizo, o Concello de A Guarda conta, entre outro material e equipos, con un vehículo todo terreo e unha pic-kup cedidos en propiedade pola Dirección Xeral de Emerxencias, e cun camión motobomba de intervención urbana, que ten unha capacidade de 1.500 litros. Este último foi adquirido polo concello de A Guarda no ano 2002 e debido aos anos e horas de traballo, atópase en moi mal estado e non cumpre cos requisitos mínimos de seguridade para o desempeño das funcións que ten encomendadas, polo que en calquera momento non se poderá atender aos operativos para os que é requirido.
O servizo que presta o GES ten sentido cun camión de intervención urbana e incluso se debería contar cunha motobomba para incendios forestais, pero sen o primeiro, a cobertura real de emerxencias sería nula e, sen a segunda, cando menos deficiente.
O esforzo realizado dende o Concello de A Guarda ao longo destes anos, independentemente da axuda da Dirección Xeral, a cal agradecemos, para dotar aos membros do GES dos equipos imprescindibles para o desenrolo da súa actividade, ten sido ata o día de hoxe considerable, sen embargo, como é comprensible, o concello non ten capacidade financeira para a adquisición dun novo camión de intervención urbana, nin tampouco sería xusto que o Concello de A Guarda mercase un novo vehículo motobomba para dar servizo a tres concellos máis.
É por isto que dende o Concello de A Guarda reitérase a solicitude feita en anteriores ocasións dun camión motobomba de intervención urbana para un correcto funcionamento do GES de A Guarda”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario