1 de feb. de 2019

SALCEDA DE CASELAS

Segundo afirma Santiago Rodríguez Davila, portavoz do PP no Concello 

O GOBERNO LOCAL “SOBREVIVE” CUNHAS CONTAS “FICTICIAS” QUE IMPIDEN OS VECIÑOS “BENEFICIARSE DAS SUBVENCIÓNS DA XUNTA”  

· Os populares de Salceda culpan o alcalde e o seu equipo desta “irresponsabilidade” que arrastran dende 2016 desatendendo os requirimentos do Consello de Contas  


Santiago Rodríguez Davila, portavoz do PP no Concello de Salceda de Caselas

Infogauda / Salceda de Caselas

 O PP de Salceda de Caselas denuncia que, unha vez máis, sexan os veciños quenes paguen a irresponsabilidade” e o “deixamento” do goberno local que dirixe Marcos Besada na xestión económica do Concello, que “sobrevive” cos orzamentos prorrogados desde 2016 “desatendendo” os requirimentos do Consello de Contas para que renda contas do exercicio 2017. “O Consello pediu o pasado mes de novembro o Concello que presentase as contas do ano 2017 pero fixeron caso omiso e levárono a pleno dous meses despois, en xaneiro deste ano, a pesar das consecuencias que iso ten para os salcedenses”, refire Santiago Rodríguez Davila, portavoz do PP local.  

  Rodríguez Davila lembra que non presentar as contas municipais dentro do prazo permitido polo Consello de Contas impide o  Concello poder acceder ás liñas de subvención da Xunta de Galicia aínda que, iso parece darlle igual o Sr. Besada e o seu equipo, quizá porque a eles non lles falta o soldo todos os meses”. Dese xeito “todos os veciños deben de saber que esta mala xestión das contas non só provoca inestabilidade económica nas arcas públicas municipais senón que frea os investimentos da Administración autonómica en Salceda”.  

 Esta “nefasta xestión do goberno de Marcos Besada, a xuízo dos populares, é unha forma de “ocultar” e “pospoñer ao máximo” a “incapacidade” dun alcalde que “só se preocupa polo seu soldo e por venderse aos catro ventos para tentar perpetuarse na cadeira da Alcaldía”. En só un ano, Movemento Salceda gastouse 70.000€ en protocolo, publicidade e propaganda.  

Desfase nas contas  

 Rodríguez Davila afirma que as contas municipais de 2017, prorrogadas de 2016 e presentadas este mes de xaneiro no pleno, incumpren a regra do gasto. Isto obriga o goberno local a presentar un plan económico-financeiro que debía aprobarse no pleno ordinario de agosto de 2018 pero que, a día de hoxe, nin sequera está elaborado, segundo  confirma un informe de intervención municipal con data 22 de xaneiro de 2019 solicitado polo PP. Os populares tamén detectaron un importante desfasamento nas contas. Entre outras “incoherencias”, recadáronse 261.000€ menos polo IBI da cantidade prevista mentres que 212.000€ destináronse aos soldos dos concelleiros con dedicación exclusiva e o persoal de confianza do alcalde. A isto hai que sumar os 70.000€ en publicidade “cando nin sequera se preocúpa por aquilo que realmente afecta os veciños, como a cofinanciación dos campamentos en Nadal ou a seguridade dos salcedenses despois dunha semana coas rúas conxeladas”, explica o portavoz popular.  

Incumprimento da lei de contratos do sector público  

 A esta longa lista de “irregularidades” e “despropósitos do goberno de Marcos Besada súmase o incumprimento da Lei de Contratos do Sector Público co “fraccionamiento” de contratos sen un informe de Intervención. Ademais, engade Rodríguez Davila, “está a realizarse un uso anómalo das instalacións do Centro de Desenvolvemento Local de Torrón, segundo o libro maior de ingresos dende marzo de 2017, xa que non se está recadando nada polo uso dos despachos deste centro público”.  

A falsedade do superávit   

 Finalmente, o PP de Salceda quere aclarar que “o superávit de 400.000€ que o goberno local vende os veciños é totalmente falso porque se omiten os 310.000€ que hai que restar do recoñecemento extraxudicial de crédito relativo a facturas de 2017 que se pagaron con cartos pertencentes ás contas do 2018. Para o portavoz popular, “é unha estafa anunciar só o bo e esconder o malo, porque as facturas tamén hai que pagalas aínda que o alcalde cústelle facelo, e logo culpa os demáis de impedirllo. O problema é que fai traballos e contrata servizos cando non ten cartos”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario