9 de feb. de 2019

RIBADETEA (PONTEAREAS)

VISTO BO DE PATRIMONIO Á ACTUACIÓN DA DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA

PARA A ESTRADA PROVINCIAL EP-2703 AO SEU PASO POR RIBADETEA EN PONTEAREAS  

· O deputado Uxío Benítez explica que a obra, cun orzamento de 780.000 €, espertou o interese de 16 construtoras e está a piques de ser adxudicada  
 

O deputado de Mobilidade, Uxío Benítez co alcalde de Ponteareas, Xosé Represas e membros da Corporación Municipal, nunha visita a estrada provincial EP-2703 Pazos-Ponteareas
Fotos: D. PO.

Infogauda / Ponteareas

 O proxecto de mellora da mobilidade peonil e a seguranza viaria na estrada provincial EP-2703 Pazos-Ponteareas ao seu paso polo lugar de Ribadetea, no concello de Ponteareas, xa ten autorización de Patrimonio da Xunta de Galicia. O visto bo do departamento autonómico era necesario por afectar a varios elementos do patrimonio cultural existentes no lugar do Souto -a igrexa parroquial de San Xurxo e os cruceiros de Souto e do Torreiro- e soamente esixe que na obra se utilicen materiais, cores e deseños acordes coa importancia contorna.   

 Unha vez obtida a autorización patrimonial a Deputación de Pontevedra ten vía libre para a adxudicación definitiva das obras. Estas espertaron o interese de 16 firmas construtoras cuxas ofertas están a ser avaliadas polo persoal provincial: xa se realizou o análise técnico das propostas e nestes momentos estanse a estudar as propostas económicas, sendo requiridas varias das empresas por presentar supostas baixas temerarias. Unha vez se entregue a documentación aclaratoria realizarase unha proposta de adxudicación por parte da mesa de contratación e elevarase para a súa aprobación en Xunta de Goberno. Así, as obras, de non producirse ningún atranco administrativo, poderán comezar na primavera. Unha vez se inicien os traballos o prazo de execución será de seis meses.  


Reunión de traballo na que participaron o alcalde de Ponteareas, o deputado de Mobilidade da Deputación de Pontevedra, técnicos do ente provincial, corporativos e representantes veciñais

 O deputado de Mobilidade Uxío Benítez Fernández destaca que o investimento provincial ascende a preto de 780.000 euros, e suporá a creación de itinerarios peonís, a mellora do firme, a instalación de elementos de calmado de tráfico, e tamén a incorporación de servizos soterrados nunha zona moi transitada pola veciñanza nas inmediacións da igrexa parroquial, da escola infantil, e da casa cultural.   

 A mellora establecerá un espazo de tránsito peonil diferenciado e -onde non hai sección suficiente- zonas de convivencia con plataforma sobreelevada e preferencia peonil. Haberá tamén un tratamento de posta en valor no ámbito da igrexa de San Xurxo e o cruceiro de Entreeidos, onde se utilizarán encintados e pavimentos e pedra e lastro en lugar do formigonado do resto do ámbito.  

 Ademais das melloras nos itinerarios peonís, o proxecto inclúe unha rehabilitación do firme entre os puntos quilométricos 11+300 e 13+500, instalaranse redutores de velocidade de vehículos, renovarase a rede de drenaxe, canalizarase un treito de abastecemento, e instalarase novo mobiliario urbano e unha marquesina.  

 A mellora desta estrada responde a unha demanda veciñal da parroquia de Ribadetea trasladada á Deputación polo goberno local encabezado por Xosé Represas que, en varios encontros, manifestou que a zona necesitaba dunha mellora daseguranza viaria para facilitar principalmente o tránsito de peóns. A Deputación recolleu a proposta dado que encaixaba plenamente coa nova filosofía do goberno provincial e encargou a redacción do proxecto.

Ningún comentario:

Publicar un comentario