A tempada de pesca fluvial galega de 2019 comeza o vindeiro 17 de marzo e rematará o 31 de xullo
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a Orde na que se definen as normas para a pesca nas augas continentais da Comunidade Autónoma para a vindeira tempada
A pesca do salmón iníciase o 1 de maio e remata o 31 de xullo, pero o remate da temporada poderá adiantarse en función das cotas de captura
A pesca do reo iniciase o 1 de maio e remata o 31 de xullo, prolongándose en diferentes coutos ata setembro, mentres que a captura da troita comeza o 17 de marzo ata o 31 de xullo, agás nos coutos conveniados, nos que se prolongará ata o 30 de setembro na modalidade de pesca sen morte
Con carácter xeral, decláranse os luns como inhábiles para a pesca, agás os festivos nacionais ou autonómicos e, como en tempadas anteriores, os xoves non festivos só se poderá practicar a pesca sen morte
Infogauda / Galicia
A tempada de pesca para o ano 2019 na
Comunidade autónoma galega comezará o vindeiro 17 de marzo e rematará o
31 de xullo, con carácter xeral. Así se establece na orde que
recolle as normas de pesca nas augas continentais, que hoxe publica o
Diario Oficial de Galicia (DOG), tal e como adiantou esta mesma semana a
conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez.
Trátase da orde anual na que se definen as normas xerais de pesca das
distintas especies ictícolas nas augas continentais de Galicia, de
acordo co previsto no Regulamento de pesca fluvial de Galicia (Decreto
130/1997, do 14 de maio).
Entre as novidades destacables, a
creación de dúas novas zona de adestramento no río Miño, na zona de
Outariz, na súa marxe dereita e na zona de Rexa, na súa marxe esquerda
ao seu paso polo Concello de Ourense; e no lugar A Ponte de Outeiro,
augas arriba do límite superior do couto Terra Chá, ao seu paso polo
Concello de Lugo. Así, o número de zonas de adestramento elévase a tres.
Outra
das novidades é a inclusión do encoro de Cachamuíña, no Concello de
Pereiro de Aguiar en Ourense, dentro das zonas habilitadas para a pesca
de especies exóticas invasoras, como unha medida de para o control e
erradicación de determinadas especies invasoras, como perca americana
común (Micropterus salmoides), carpa (Cyprinus carpio), cangrexo
vermello americano (Procambarus clarkii) e cangrexo sinal (Pacifastacus
leniusculus). Asemade, a orde que se publica hoxe recolle a decisión do
Comité de Pesca de Galicia de reaxuste dos cupos por especie, coa
finalidade equiparar aos cupos de comunidades limítrofes e como medida
de control de sobreexplotación dos recursos.
Salmón
O
período hábil para a pesca do salmón irá dende o 1 de maio ata o 31 de
xullo, pero poderá adiantarse o remate da temporada en función das cotas
de captura. Nos tramos compartidos do río Eo a tempada rematará o 15 de
xullo.
A cota de captura está establecida nun exemplar por persoa
e xornada, cunha dimensión mínima de 40 centímetros. A cota anual no
río Lérez será de 5 salmóns, mentres que no Ulla serán 50. No río Mandeo
os exemplares serán 5, 15 no río Masma, 8 no río Miño, e 10 no couto de
Salmeán. No resto dos coutos autorizados no río Eo non se establece
cota anual de captura.
En relación cos engados, poden ser naturais
autorizados como as miñocas e quisquillas, ou artificiais que son
construídos imitando animais ou outros obxectos que poden ser atractivos
para os peixes que se queren capturar. Estes poden ser a mosca
artificial, culleriña e peixes artificiais ou semellantes. Para a pesca
sen morte do salmón no río Ulla autorízase unicamente a mosca artificial
con anzol sen arponciño.
A pesca do reo
A tempada hábil en xeral comeza o 1 de maio e remata o 31 de xullo. A tempada prorrógase nas seguintes masas de auga:
-
Coutos de Betanzos, Celeiro (lotes 2 e 3), Noia, Noval, Ombre, Padrón, A
Ponte do Porto, Ribeiras, Segade, Traba, Viveiro (lotes 2 e 3), e
Xuvia: a tempada rematará o 30 de setembro.
- Couto de Lambre: prorrógase ata o 15 de setembro.
- Nos coutos Pontevea, Ximonde, Santeles e Sinde entre o 1 de agosto e o 30 de setembro só se permitirá a modalidade de pesca sen morte. No caso de Ponte Arnelas, o período de pesca sen morte vai do 1 ao 30 de setembro.
- Couto de Lambre: prorrógase ata o 15 de setembro.
- Nos coutos Pontevea, Ximonde, Santeles e Sinde entre o 1 de agosto e o 30 de setembro só se permitirá a modalidade de pesca sen morte. No caso de Ponte Arnelas, o período de pesca sen morte vai do 1 ao 30 de setembro.
Sobre os engados, nos caso dos artificiais permítense os
mesmos que no caso do salmón ao que se suma o risco. No que respecta
aos engados naturais, permítense todos agás todo tipo de ovas de peixes e
o peixe natural, e nas augas salmoneiras non se permiten os cebos
naturais agás os autorizados para a pesca do salmón nos seus coutos.
Captura da troita
Para
esta especie a tempada comezará o 17 de marzo e rematará o 31 de xullo.
Nos coutos con convenio de colaboración, prolongarase ata o 30 de
setembro na modalidade de pesca sen morte, e nas augas salmoneiras, nas
de reo ou nas de montaña non empezará a tempada ata o 1 de maio.
Por
norma xeral establécese a posibilidade de capturar 6 exemplares ao día e
por persoa cunha talla mínima de 19 centímetros, e os engados son os
mesmos que os da tempada pasada.
Outras especies
A pesca
sobre especies exóticas invasoras axustarase ao establecido no Real
Decreto 630/2013, do 2 de agosto, polo que se regula o Catálogo español
de especies exóticas invasoras, modificado por sentenza do Tribunal
Supremo do 16 de marzo de 2016. Na normativa que publica hoxe o DOG
tamén se aclaran as condicións da captura dos ciprínidos, que manteñen o
mesmo réxime que o da anterior tempada.
Xornadas hábiles
Tal
e como se recolle na normativa, con carácter xeral decláranse os luns
como inhábiles para a pesca, agás festivos nacionais ou autonómicos. Os
xoves non festivos da tempada hábil só se poderá pescar na modalidade de
pesca sen morte en todas as masas de auga, excepto 18 de abril (Xoves
Santo) e o 17 de maio (Día das Letras Galegas), que será hábil segundo a
modalidade de pesca autorizada en cada masa de auga.
En relación
coas horas, só se poderá practicar a pesca no período comprendido entre
unha hora antes da saída do sol e unha hora despois da posta. As horas
serán as establecidas na páxina web de Meteogalicia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario