O Instituto Galego de Formación en Acuicultura acolle á cría de lobo mariño cinsento 'Barizo' para a súa recuperación
O lobo mariño permanecerá entre tres e catro semanas nas instalacións do IGAFA e logo será embarcado para ser liberado en augas do Gran Sol
Durante a súa estadía no IGAFA, o centro acollerá unha exposición sobre os mamíferos mariños en Galicia
A cría
de lobo mariño permanecerá entre tres e catro semanas nun tanque
exterior de gran tamaño do IGAFA
Foto: X. G.
Infogauda / Illa de Arousa
O Instituto Galego de Formación en
Acuicultura (IGAFA), dependente da Consellería do Mar acolle desde hoxe á
cría de lobo mariño cinsento Barizo para a súa recuperación. Esta
acción forma parte da colaboración que vén mantendo desde o ano 2003 a
Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda,
coa Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA), para a
recuperación dos mamíferos mariños que chegan ás costas galegas en mal
estado ou feridos.
O animal, de 110 centímetros de lonxitude e de
23 quilos de peso, apareceu varado nas costas de Malpica o pasado 6 de
xaneiro e foi trasladado á UCI de lobos mariños do establecemento
veterinario do CEMMA, en Nigrán, tras comprobar que presentaba síntomas
de desnutrición e afección respiratoria. Tras unha evolución favorable,
mellorar o seu estado e comezar a alimentarse por si mesmo, foi
trasladado ao IGAFA para continuar a súa recuperación.
Así, a cría
de lobo mariño permanecerá entre tres e catro semanas nun tanque
exterior de gran tamaño do IGAFA e logo será embarcada para ser liberada
en augas do Gran Sol. A manutención e a atención sanitaria do mamífero
corresponderalle ao CEMMA, contando coa participación voluntaria do
alumnado e demais persoal do centro. Ademais, aproveitarase a estadía da
cría de lobo mariño para formar aos estudantes en aspectos relacionados
co coidado dos mamíferos mariños. Así, esta tarde o alumnado do IGAFA
recibirá unha charla por parte do CEMMA. Ademais, durante a estadía de
Barizo, no centro haberá unha exposición sobre os mamíferos mariños en
Galicia.
Cabe lembrar que o IGAFA xa ten participado na
recuperación de oito exemplares de crías de lobos mariños nos anos 2013,
2014, 2016, 2017 e 2018. Estas colaboracións serven como actividade
didáctica para a concienciación medioambiental e de adquisición de
coñecementos para o mantemento e a recuperación de especies mariñas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario