13 de feb. de 2019

LOUREZA (OIA)

A deputada provincial, Montserrat Magallanes e o deputado Santos Héctor, visitan en Oia a mellora do camiño de Refoxos ao abeiro do Plan Concellos 2017  

· O Goberno da Deputación de Pontevedra destinou a Oia no que vai de mandato preto de 2,3 millóns de euros, o maior investimento neste Concello da historia da Deputación


De esq. a der.: Montserrat Magallanes, Cristina Correa e Héctor Santos, en Refoxos (Loureza)
Foto: D. PO.

Infogauda / Oia 

 A deputada e o deputado provincial, Montserrat Magallanes e Santos Héctor, visitaron onte en Oia a actuación integral no camiño de Refoxos, asfaltado, saneamento e peches, realizada coas achegas do "Plan Concellos" 2017. En total, a Deputación de Pontevedra destinou 106.901,4 euros a esta actuación, financiada ao cen por cen a través do Plan provincial. Magallanes amosou a súa satisfacción xa que "unha vez máis grazas ao Goberno de Carmela Silva é posible realizar obras que melloran e facilitan a vida das veciñas e veciños da vila" e engadiu que "a Deputación de Pontevedra volve a amosar a súa importancia para levar a cabo actuacións de grande envergadura en todos os concellos da provincia, sen discriminación algunha".  

 Neste eido, e tal e como informou a deputada provincial, a obra comprendeu a execución dunha actuación integral con reposición e ampliación de servizo de saneamento e asfaltado da estrada no camiño Refoxos, parroquia de Loureza, nunha superficie de máis de dous mil metros cadrados. Máis polo miúdo, ampliouse a sección da rede de saneamento existente, estableceuse unha conexión da rede renovada coa rede municipal, e tamén se ampliou o camiño para facelo accesible a todo tipo de vehículos. Ademais, realizáronse obras de asfaltado e muros de peche de cachotaría con subministro de pedra. Tamén se executou a demolición dun galpón para a ampliación do camiño e a posterior reconstrución do mesmo con bloque de formigón pintado.  

 Este ano, a través do Plan Concellos 2019, a Deputación de Pontevedra pon á disposición de Oia un total de 456.119,22 euros, o que supón un 3,27 % máis que no exercicio anterior. Ademais das achegas correspondentes á Liña 1, que son este ano de 315.402,88 euros, o Concello de Oia tamén ten á súa disposición 40.807,74 euros na Liña 2 de amortizacións e débedas. Así mesmo, contou con outros 99.908,60 euros da Liña 3 de emprego cos que o Goberno municipal de Oia pode financiar a contratación de 8 traballadoras e traballadores para o concello.  

Preto de 2,3 millóns de euros investidos en Oia 

 O Goberno presidido por Carmela Silva, no que vai de mandato, ten investido no Concello de Oia preto de 2,3 millóns de euros, o maior investimento feito nunca neste municipio na historia da Deputación. Nestes tres anos e medio, só co Plan Concellos, a través da Liña 1, Oia puido financiar un total de 49 actuacións e, coa Liña 3 de Emprego, a Deputación financiou a contratación de 44 traballadoras e traballadores municipais.

Ningún comentario:

Publicar un comentario