5 de feb. de 2019

LABORAL

Os comités de Vodafone reúnense cos grupo parlamentarios e cos Gobernos locais de Vigo e da Coruña en busca de apoios 

Continúan cos paros e as mobilizacións para rexeitar os 41 despidos previstos en Galiza


 Concentración de persoal de Vodafone
Foto: CIG

Infogauda / Vigo / A Coruña

 Os comités de empresa de Vodafone nas provincias de Pontevedra e da Coruña iniciaron unha rolda de contactos cos distintos grupos con representación no Parlamento galego e cos Gobernos locais de Vigo e da Coruña para solicitarlles o seu apoio ás reivindicacións dos traballadores/as, que pasan por retirar o ERE extintivo que afectará a 41 persoas en Galiza e a 1.200 no conxunto do Estado.

 Dende a representación do persoal denuncian que con esta decisión “unha empresa multinacional con beneficios opta pola destrución de emprego como alternativa a unha ineficaz xestión empresarial, e unha vez máis os traballadores/as verán destruídas as súas expectativas laborais co obxectivo de manter beneficios”.  

 Entenden que a medida afectará tamén a postos de traballo indirectos en Galiza, xa que son varias as empresas con sede no noso país coas que traballa Vodafone “que verán reducidos os seus contratos, co conseguinte prexuízo para a economía galega”.  

 Co obxectivo de sumar apoios ás súas reivindicacións están a manter reunións con organismos públicos como os Concellos da Coruña e de Vigo,e cos distintos grupos políticos con representación no Parlamento galego. Ademais, solicitaron unha xuntanza co Conselleiro de Economía, Industria e Emprego “para poder transmitirlle de primeira man os efectos que terá para o país a perda do 25% do persoal de Vodafone”.  

Paros dunha hora e folga de 24 horas  

 Explican que o servizo que os traballadores/as de Vodafone prestan en Galiza abarca labores comerciais, despregamento e mantemento de rede, mantemento de rede a nivel estatal, IT, etc. “Un descenso do 25% do persoal suporá unha perda de talento e persoal cualificado que actualmente traballa no país”, sinalan.  

 Ao mesmo tempo, lembran que o cadro de persoal de Vodafone continúa cos paros e coas mobilizacións para rexeitar os despidos. Este martes 5 e o xoves 7 hai convocados paros dunha hora a nivel estatal, durante os que os traballadores/as da Coruña e de Vigo concentraranse diante das oficinas que a empresa ten nas dúas cidades. Ademais, haberá novas xornadas de folga de 24 horas os días 11, 13, 18 e 20 de febreiro.
 

Ningún comentario:

Publicar un comentario