O persoal de Maderas Iglesias insiste en rexeitar o ERE e pide substituílo por baixas voluntarias nas condicións pactadas
O comité reclamoulle á Xunta que fixe unha mediación entre as partes
Persoal de Maderas Iglesias na recente concentración diante do edificio da Xunta en
Vigo
Foto: CIG
Infogauda / Vigo
O cadro de persoal de Maderas Iglesias, empresa do Porriño dedicada á fabricación de tarima flotante que atravesa unha situación crítica, comunicoulle o venres á Xunta que rexeita o ERE temporal anunciado pola dirección, que sería o noveno presentado en nove anos. Dende o comité insistiron en que a compañía ten que cumprir o acordo que permitiu desconvocar a folga indefinida e permitir que as traballadoras/es queiran rescindir os seus contratos de xeito voluntario poidan facelo nas mesmas condicións que as que se acolleron ao ERE extintivo anterior.
Na xuntanza celebrada o día deste mes na sede do Igape en Santiago entre o comité de empresa, presidido pola CIG, o director do organismo público e a directora xeral de Emprego, a representación dos traballadores/as reclamoulle aos responsábeis da Administración que establezan unha mediación que permita desbloquear as negociacións, rotas dende o pasado martes. Dende a Xunta confirmáronlles que nos vindeiros días o comité será citado para continuar coas conversas, pero xa coa mediación da autoridade laboral.
Os representantes do comité deixáronlles moi claro o seu rexeitamento ao ERE suspensivo ao entender que non é a solución que a empresa precisa, e anunciaron que vixiarán moi de cerca as negociacións. “Trasladámoslles que a empresa ten que cumprir co acordo que permitiu desconvocar a folga indefinida e que as traballadoras/es que queiran marchar que teñan as mesmas condicións que as que se foron ERE extintivo anterior”, explica o presidente do comité, Vicente Molares.
Finalmente, os responsábeis autonómicos confirmáronlles que nestes momentos continúa sen aparecer un grupo inversor interesado en facerse coa compañía, polo que o futuro da empresa preséntase cada vez máis complicado.
Ningún comentario:
Publicar un comentario