Educación convoca as probas para a obtención de carnés e habilitacións profesionais
· Este curso haberá dúas convocatorias, unha primeira cuxo prazo de inscrición se abre o luns 18, e unha segunda que será en xullo
Infogauda / Galicia
A Consellería de Educación, Universidade
e Formación Profesional acaba de convocar os exames para a obtención de
carnés e habilitacións profesionais. Este ano o procedemento articúlase
en dúas convocatorias independentes, unha primeira cuxo prazo de
inscrición será do 18 de febreiro ata o 1 de marzo, e unha segunda
convocatoria que se abrirá en xullo.
Tal como se pode consultar no DOG,
as especialidades obxecto de exame nesta primeira convocatoria serán os
carnés profesionais de operador/a de guindastre torre e de guindastre
móbil autopropulsado categoría B; e a habilitación profesional de
operador/a industrial de caldeiras.
As probas da segunda
convocatoria (con prazo de presentación de solicitudes entre o 1 e o 12
de xullo) inclúen, ademais das modalidades da primeira convocatoria, as
probas para a obtención dos carnes profesionais de operador/a de
guindastre móbil autopropulsado categoría A e instalacións térmicas de
edificios; e as habilitacións profesionais de instalador/a de gas
(categorías A, B e C), de produtos petrolíferos líquidos (categorías I,
II e III), e manipulador/a de equipamentos e de transporte refrixerado
de mercadorías de refrixerantes conxelados.
No que respecta aos
exames, os da primeira convocatoria non se realizarán antes do 15 de
abril deste ano, e os da segunda convocatoria non serán antes do 30 de
setembro deste 2019.
Poden optar a estas probas todas aquelas
persoas que estean en idade legal laboral ou teñan cumprida a idade
mínima que, de ser o caso, poida esixir a normativa sectorial
correspondente; e cumprir cos requisitos específicos que se estableza na
normativa para cada especialidade.
Ningún comentario:
Publicar un comentario