8 de feb. de 2019

ARQUEOLOXÍA

DESCOBERTO EN CASAIO UN CONXUNTO DE PINTURA ESQUEMÁTICA PREHISTÓRICA NA GALIZA   

· A equipa de Sputnik Labrego e Estela Arqueoloxía e Patrimonio documentan un dos conxuntos pictóricos máis importantes do Noroeste Peninsular 
 
· A Dirección Xeral de Patrimonio confirma a importancia do achádego

 Fotos: EQUIPA SPUTNIK LABREGO 
Tratadas por Manuel Rey

 

EQUIPA SPUTNIK LABREGO / Galiza

 A equipa de Sputnik Labrego e Estela Arqueoloxía e Patrimonio S.L. veñen de descubrir en Casaio xunto con membros da Comunidade de Montes de Casaio, o maior conxunto de pinturas esquemáticas de época prehistórica no Galiza. O achádego produciuse no contexto do proxecto dirixido por Carlos Tejerizo (Instituto de Ciencias del Patrimonio, CSIC) e Alejandro Rodríguez (Universidade de Santiago de Compostela) relacionado ca análise arqueolóxica da guerrilla antifranquista e da minaría do wolfram na zona de Casaio. 

 "No proceso de documentación dun chozo da guerrilla situado nun abrigo con condicións ideais para a presenza deste tipo de arte, revisamos a cavidade e observamos unhas pinturas que enseguida asociamos a momentos prehistóricos", afirma Francisco Alonso, da empresa Estela Arqueoloxía e Patrimonio S.L., que colabora co proxecto Sputnik Labrego. "Enseguida dimos parte á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural para que confirmasen o achádego".  

 Nunha visita ao sitio producida esta semana, José Manuel Rey, especialista en arte rupestre e director do Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campolameiro (Pontevedra), dependente da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, confirmou a importancia do descubrimento.  

 "Nas primeiras visitas localizamos polo menos unha quincena de pinturas de diferentes tipos, dende soliformes até o fantástico ídolo oculado, o primeiro documentado na Galiza", describe Francisco. "Todo parece indicar que nos movemos nun horizonte Calcolítico polos paralelos coñecidos, mais que haberá que confirmar no futuro".  

 A equipa de Sputnik Labrego, composto por Mario Fernández (USC), Laura Martínez (Patrimonio Minero del Noroeste Peninsular) e Celtia Rodríguez (USC) xa puxeron en marcha unha proposta de proxecto integral e multidisciplinar para a documentación das pinturas así como para a prospección intensiva da zona, na busca de máis conxuntos. 

 "Todo parece indicar que non se trata dun único conxunto presente na paisaxe", afirma Carlos Tejerizo. Este proxecto realizarase en colaboración ca Comunidade de Montes de Casaio. "Estamos moi agradecidos ás veciñas e veciños de Casaio, especialmente a Francisco Fernández e César Real. Sen o coñecemento exhaustivos do territorio por parte da comunidade local, tería sido imposíbel localizar este conxunto", comenta Carlos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario