TOMIÑO, O ROSAL E A GUARDA PRESENTES NO ACTO PROMOCIONAL DE -FAME DE EXPERIENCIAS- EN FITUR
NA PRESENTACIÓN PROXECTOUSE O VÍDEO DE -FAME DE EXPERIENCIAS- E OUTRO DO INSTAGRAMER VÍCTOR MACHBELL DIANANTE DUN AMPLO AUDITORIO
A presidenta da Deputación de Pontevedra xunto con representantes municipais da provincia e profisionais do sector turístico, na presentación da campaña “Fame de experiencias”
Foto: C. T.
Foto: C. T.
Infogauda / Madrid
Diante dun auditorio ateigado de xente, Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra, onte deu o pistoletazo de saída da campaña “Fame de experiencias”. O creativo arranque da campaña, a modo de escenificación protagonizada por Déborah Vukusik, a propia presidenta e as tres estrelas Michelin Amaranta Rodríguez, Pepe Solla e Javier Estévez, contou coa presenza de alcaldes e alcaldesas de todas as comarcas da provincia, representantes do sector turístico pontevedrés, do Clúster de Turismo de Galicia e da Ruta do Viño Rías Baixas.
A vangardista presentación promovida pola Deputación de Pontevedra levou ata Fitur un restaurante das Rías Baixas. Deste xeito, Déborah Vukusic, a comensal, deixouse guiar polas recomendacións de Rodríguez, Solla e Estévez. Ao mesmo tempo, e integrado na escenificación, os protagonistas deron paso a dous vídeos: o primeiro, o arranque da campaña “Fame de experiencias”, e o segundo, a modo de chamada do instagramer Victor Machbell, para presentar todos os atractivos enogastronómicos da provincia de Pontevedra. Finalmente a presidenta, Carmela Silva, explicou a Vukusic todo o que oferta a provincia de Pontevedra e fíxolle entrega dunha caixa agasallo, que tamén se repartiu entre o público presente en Fitur, con 12 propostas, unha por mes, para saciar a “Fame de experiencias”.
A presidenta provincial destacou que a provincia conta “cunha paisaxe incrible, cunha natureza que non ten cualificativos, viños que dan alegría, e unha gastronomía que se pode comparar coa mellor do mundo. Pero o mellor que temos son as nosas xentes, as produtoras e produtores, o persoal de sala, as cociñeiras e cociñeiros e as xentes dos nosos lugares, as e os que conseguen que sexamos únicas e únicos”. Neste eido, e nos seus propios produtos tamén fixeron fincapé as alcaldesas e alcaldes, e representantes municipais de concellos como O Grove, Tomiño, Vigo, O Rosal, A Illa de Arousa, Ribadumia, Cambados, Lalín, A Guarda, Arbo, As Neves, Silleda, Mondariz, Mondariz, Barro, Vilaboa, Salceda de Caselas, Redondela, Sanxenxo, Covelo, Ponteareas e Vilagarcía de Arousa, presentes no acto promocional.
Os produtores dos que falou a presidenta provincial, Carmela Silva, convertéronse en protagonistas da campaña “Fame de experiencias”. Deste xeito o vídeo, co que se iniciou a presentación da institución provincial en Fitur, combina paisaxes de mar e de montaña e rende homenaxe aos “pequenos detalles que conducen á grandeza, a construír un legado, a facer que a provincia perdure e quede para outras e para outros”. Detalles que, durante o vídeo, veñen da man de produtores reais como os vitivinicultores Natalia e José Rodríguez; os granxeiros, Patricia Lorenzo, Begoña Pérez e David Sueiro; os gandeiros, María Rosa Fernández e Rubén Bello; o pescador de lamprea, José Ramón Rocha; a mariscadora, María José Cacabelos; o pescador, Domingo Barbosa; o panadeiro, Manuel Barreiro; a xefa de Sala, Amaranta Rodríguez, e a cociñeira e os cociñeiros, Inés Abril, Yayo Daporta, Javier Olleros, Pepe Solla e Rafa Centeno.
“Fame de experiencias” tamén pon o acento na sustentabilidade, na importancia de conservar a contorna para que as e os que veñen poidan desfrutar da provincia de Pontevedra. Deste xeito, os produtos e a sustentabilidade combínanse nesta campaña que enxalza a enogastronomía da provincia, a súa calidade, que mantén famentos e famentas de experiencias ás persoas que visitan Rías Baixas.
O vídeo deu paso ás intervencións das tres estrelas Michelín: Amaranta Rodríguez, Pepe Solla e Javier Estévez. Deste xeito, Amaranta Rodríguez, de Culler de Pau, recordou que a provincia de Pontevedra conta con cinco estrelas Michelin, 8 soles Repsol e 263 establecementos SICTED. Tamén enxalzou Rodríguez “os pescados e mariscos, a costa e un interior marabilloso con produtos como o galo de Mos ou o porco celta, e a cociña tradicional e de autor”.
Pola súa banda, Pepe Solla, de Casa Solla, enxalzou o clima atlántica e a terra “que lle dan un carácter diferente e único ao produto” e as persoas produtoras “xente que coida de xeito sustentable o produto e fai que sexan marabillosos”. E Javier Estévez, de “La tasquería”, fixo fincapé na influencia da cociña galega na súa traxectoria, destacando que “a allada, a pataca galega e o porco sempre me acompañan”. Amais, Estévez puxo en valor o festival PortAmérica, “no que se combina gastronomía e música” e recomendou unha viaxe polas pesqueiras do Miño.
En canto ao vídeo do instagramer Víctor Machbell, a modo de chamada en directo, amosáronse desde produtos gastronómicos como o marisco, a lamprea, as ostras, os mexillóns, o viño e o cocido, ata escenarios como a fervenza do Toxa en Silleda, lugares de Lalín, O Rosal, Arbo, A Guarda, a enseada de San Simón e a Ría de Vigo, O Grove e Cambados. Amais, Machbell fixo mención concreta no seu vídeo a festas gastronómicas como o Cocido de Lalín, a Lamprea de Arbo, a festa do Albariño de Cambados e a do Marisco do Grove.
O acto rematou coa entrega da caixa-agasallo coas 12 propostas para saciar a “Fame de experiencias”. “Esta caixa -explicou Silva – conta con 12 experiencias para vivir de xaneiro a decembro na provincia de Pontevedra”. Máis polo miúdo, o agasallo propón en xaneiro a visita ao Castelo de Sobroso en Ponteareas, incluíndo tres chocolatinas; en febreiro a Festa do cocido de Lalín, cun pin da festa de agasallo; para marzo presenta a Festa do Requeixo e do mel das Neves, cun tarro de mel multifloral do Condado-Paradanta; en abril propón a Festa da Lamprea de Arbo e inclúe un código QR cun agasallo; en maio a Ruta das Maceiras en Flor na Estrada, cun código QR con outro agasallo; en xuño presenta as sardiñadas de San Xoán e achega unha conserva de sardiñas; en xullo propón o Vigo Seafest e o Showrocking de PortAmérica, cun código QR; en agosto vai a Festa do Albariño cunhas pastas de viño Albariño; en setembro inclúe un código QR para participar nunha cea nalgún dos restaurantes do grupo Nove; en outubro propón a Festa do Marisco cun paté de centolo; en novembro vivir algún magosto nas Rías Baixas, agasallando cun paté de ostra con castaña; e para decembro brindar cun viño espumoso como os de Salvaterra do Miño, incluíndo un código QR cun agasallo.
Ao longo do 2019 e da man de “Fame de experiencias” a Deputación de Pontevedra pretende impulsar a enogastronomía, contando para elo cos innumerables recursos cos que conta a provincia de Pontevedra, dende a Denominación de Orixe Rías Baixas ata denominacións de orixe protexida (Mexillón de Galicia, Pemento de Herbón, Queixo de Tetilla e Queixo García-Ulloa), dez indicacións xeográficas protexidas (Castaña de Galicia, Grelos de Galicia, Lacón Galego, Mel de Galicia, Tarta de Santiago, Tenreira Galega, Augardente de Galicia, Augardente de Herbas de Galicia, Licor Café de Galicia, Licor de Herbas de Galicia), Ruta do Viño Rías Baixas, cinco establecementos con Estrela Michelín e oito Soles Repsol, eventos gastronómicos e festas enogastronómicas como a de interese turístico internacional do Albariño de Cambados ou as de interese turístico nacional do Marisco do Grove, o Cocido de Lalín e a Lamprea de Arbo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario