25 de xan. de 2019

TUI

As obras do novo edificio xudicial de Tui avanzan a bo ritmo e estarán rematadas despois do verán 

O vicepresidente autonómico, Alfonso Rueda, desprazouse hoxe para comprobar de primeira man o estado dos traballos

O Goberno autonómico investirá case 3 millóns de euros nesta nova infraestrutura, que unificará as tres unidades xudiciais que existen na vila

O vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, desprazouse hoxe ata Tui para comprobar de primeira man o avance das obras do novo edificio xudicial
Foto: X. G.

Infogauda / Tui

 O vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, desprazouse hoxe ata Tui para comprobar de primeira man o avance das obras do novo edificio xudicial, que continúan a bo ritmo e que estarán rematadas despois do verán. Ata agora, xa se teñen realizados traballos de instalación de servizos, de estruturas e de illamento.  

 Esta nova infraestrutura, na que a Xunta inviste case 3 millóns de euros -sumando o orzamento para obras e para a adquisición do edificio á Tesourería Xeral da Seguridade Social-, unificará nun mesmo edificio as tres unidades xudiciais que estaban actualmente dispersas na vila. Isto redundará nun claro beneficio para os 27 traballadores, así como para todos os veciños do concello e do partido xudicial, do que forman parte unhas 50.000 persoas.  

 En total, tras o remate dos traballos, as dependencias xudiciais gañarán algo máis de 1.100 metros cadrados de superficie en comparación coa actual. O edificio albergará tres xulgados con tres salas de vistas, e as dependencias auxiliares necesarias. A distribución será a seguinte: na primeira planta, as dependencias puramente administrativas; na planta baixa -á que accede o público- estarán as salas de vistas, o Rexistro e outras dependencias, como as do Imelga ou da Oficina de atención á vítima; xa no soto se ubicarán as instalacións, almacéns ou calabozos.  

 Ademais da maior comodidade que supón unificar nun só espazo renovado todas as dependencias, o edificio terá tamén outras vantaxes como a mellora da eficiencia enerxética para contar cunhas instalacións funcionais e modernas.  

 Este proxecto forma parte do Plan de infraestruturas xudiciais que se impulsou en 2009, e que conta cun investimento duns 100 millóns de euros para renovar e mellorar as sedes xudiciais galegas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario