25 de xan. de 2019

A GUARDA

«Comercio Innova Plus»

Mariem Filgueira Pérez será a ponente da última sesión formativa 

· O vindeiro luns día 28, en horario de 15:00 a 16:45 horas, na Casa dos Alonso

Mariem Filgueira Pérez, licenciada en Dirección e Administración de Empresas, será a ponente da última sesión do programa formativo “Comercio Innova Plus”
Foto: C.A.G.

Infogauda / A Guarda

 O Concello de A Guarda remata as actividades do programa formativo “Comercio Innova Plus”, dirixido especialmente a comerciantes e empresarios da vila, para o que non é preciso inscrición previa e que se realiza totalmente de balde.  

 O luns día 28 de xaneiro terá lugar a última charla titulada: «Compartindo talento: Xuntos chégase máis lonxe». Terá lugar na Casa dos Alonso, de 15:00 a 16:45 horas, e contarase coa presenza de Mariem Filgueira Pérez, licenciada en Dirección e Administración de Empresas e con máis de 15 anos de experiencia en asesoramento empresarial. Directora de proxectos de consultoría e innovación en Pontevedra.  

 Se sentes que viaxas soa ou só? Se tes a idea de facer algo con alguén pero non sabes como? Se tes ao/á teu/túa aliado/a ao lado en non o sabes, esta será unha charla que te axudará a desenvolver o teu negocio compartindo experiencias con outras persoas empresarias que están na túa mesma situación.   

 Nesta sesión abordarase onde podemos atopar alianzas, como construílas e daremos o primeiro paso cara un camiño cheo de oportunidades creando sinerxias. 

 Estas accións formativas teñen como obxectivo que o comercio da vila coñeza as novas ferramentas tecnolóxicas que teñen á súa disposición, para que as empreguen nos seus propios establecementos comerciais e lle saquen o maior rendemento, ademais de continuar promovendo a innovación dentro da rede comercial do Concello con actividades sobre comunicación e canles de venda, deseño de espazos comerciais, a atención ao cliente ou a creación de alianzas entre empresas. Todas as actividades son de balde e non é necesaria a realización dunha inscrición previa.  

 Esta actividade constitúe a continuación do programa «Comercio innova», que rematou en xuño do ano pasado e no que se traballou cos establecementos comerciais da vila para optimizar a súa xestión e facelos máis competitivos.  

 No mes de novembro realizáronse varios obradoiros na Aula CeMit no Centro Cultural da Guarda sobre «Utilización práctica de Instagram», e «Utilización práctica de Facebook», rematando con 4 charlas a modo de píldoras formativas, nas que se conta con varios ponentes especializados no comercio, marketing e empresas. 

 “Comercio Innova Plus”  conta co financiamento da Deputación de Pontevedra ao abeiro do Plan Concellos. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario