30 de xan. de 2019

SANTIAGO DE COMPOSTELA

O eco das amazonas 
[Retablo-Pavana para unha Muller Oculta] 
Baldomero Moreiras 

Museo do Pobo Galego, 31 de xaneiro - 31 de marzo de 2019 



Infogauda / Santiago de Compostela

 Desde hai anos no Museo do Pobo Galego, coincidindo coa data sinalada do 8 de marzo, véñense celebrando actividades dirixidas a avivar o debate, a reflexión, a conciencia e a memoria ao redor da perspectiva de xénero. 

 Na mostra O eco das amazonas, Baldomero Moreiras dá forma a un gran retablo de mulleres, que ao longo da Historia deixaron a súa pegada en campos tan diversos como a música, a arte, a ciencia, a literatura ou a política. Desde Hipatía de Alexandría, Inés de Castro, Artemisia Gentileschi, a Zaha Hadid, Maruja Mallo ou María Casares, o autor vai mostrando a súa admiración polo labor, moitas veces silenciado, de mulleres ás que se rende homenaxe, sacándoas do esquecemento. 

 A esfera, símbolo de “harmonía co universo”, é o orixinal soporte que o pintor utiliza para dar forma a cada unha das protagonistas. A xestualidade da pincelada, o cromatismo vivo de azuis, vermellos e verdes, así como ese axuste entre figuración e abstracción acaban por articular o soño da pintura á realidade de cada unha das biografías. 

 Esta mostra é froito da colaboración entre os concellos de Ourense e Celanova co Museo do Pobo Galego.

Horario: 
De martes a sábado: 10:30 -14 horas // 16 - 19:30 horas Domingos e festivos: 11 - 14 horas 

LUNS PECHADO 

A entrada para as exposicións temporais é de balde.

Ningún comentario:

Publicar un comentario