19 de xan. de 2019

SALCEDA DE CASELAS

O PP DE SALCEDA PROMETE PAGAR CON FONDOS MUNICIPAIS A ILUMINACIÓN DO NADAL EN TODO O MUNICIPIO E COFINANCIARÁ UN CAMPAMENTO MUNICIPAL DURANTE AS FESTAS  

· Os populares agradecen a todos os veciños e colectivos sociais o esforzo, a colaboración e o traballo por “sacar adiante” a cabalgata dos Reis Magos e critica a falta de apoioe implicación do Concello  

Santiago Rodríguez Davila, portavoz do Partido Popular no Concello de Salceda de Caselas

Infogauda / Salceda de Caselas 

 O PP de Salceda de Caselas traballará dende a Alcaldía, se gaña as eleccións do 26 de maio, por un Nadal “con máis iluminación” e comprométese a que sexa o Concello quen custee íntegramente a iluminación festiva en todo o municipio e non só nos edificios municipais, nas ligazóns das principais rúas ou nas prazas principais. Isto evitará dividir a Salceda en cidadáns de primeira e cidadáns de segunda, “que é o que ocorre dende fai 12 anos sen que o alcalde tome medidas”, segundo afirma o portavoz popular, Santiago Rodríguez Davila.  

 Este ano, do mesmo xeito que os doce anteriores - indica Rodríguez Davila -, moitas das rúas de Salceda quedaron sen luces do Nadal porque nelas non hai ningún comerciante que pague para a colocación da iluminación pública. Fronte a esta “discriminación intolerable” porque “non é de recibo que uns comerciantes paguen para goce dos veciños mentres outros non o fan”, Davila propón “asumir responsabilidades municipais e que sexan as arcas públicas quenes asuman o custo total de toda a iluminación do Nadal”. 

 Segundo afirma o voceiro popular, a programación especial para esas datas tamén debe ser máis variada e dirixida a un público máis diverso, de diferentes idades, e non anunciar cada ano, durante 12, as mesmas actividades sen preocuparse nin o máis mínimo de incorporar cousas novas que atraian aos veciños”. “Este ano o único que introduciron foi un tren `chucuchú´ copiado doutros concellos”, apuntou Davila.         

Cabalgata de Reis Magos  

 En canto á Cabalgata de Reis do pasado 5 de xaneiro, o PP de Salceda quere agradecer a todas as asociacións e colectivos a súa “implicación” e o seu “esforzo” para que saíse adiante e ofrecer os nenos unha chiscadela de ilusión pero lamenta “a pouca colaboración e o escaso apoio do Concello nesta actividade, a principal de todo o programa do Nadal .  

 Para os populares, a cabalgata “foi moi mellorable” pola falta de medios dos veciños que, en moitos casos sacrificaron tempo da súa vida persoal para traballar por que esta cabalgata saíse adiante, mentres que o Concello “lavábase as mans”.  

Campamento de Nadal para nenos  

 Outra carencia importante do programa de Nadal do Concello de Salceda de Caselas, reitera o portavoz popular, é a inexistencia dun campamento para nenos de carácter municipal durante o período de vacacións escolares. O PP asegura que se consegue gañar as próximas eleccións, cofinanciará esta actividade para que as familias poidan conciliar sen necesidade de pagar grandes cantidades económicas, como ocorre noutros concellos da contorna”. A fórmula será a xestión directa o ben sacalo a concurso para que as empresas privadas poidan presentarse, pero sempre cunha subvención municipal para abaratar o prezo.  

 “Para as familias non é o mesmo pagar 15€ que 70€ como ocorre dende que goberna Movemento Salceda con Marcos Besada á fronte. Dende que chegou á Alcaldía non dedicou nin un só minuto a pensar nos veciños e nas súas necesidades, quizá porque como él recibe un bo soldo é incapaz de poñerse na pel de quen ten que facer malabares para chegar a final de mes”, conclúe Davila.

Ningún comentario:

Publicar un comentario