O Goberno da Deputación de Pontevedra aproba as subvencións para o deporte federado da provincia que ascenden a 600.000 euros
· A presidenta Carmela Silva explicou que 500.000 euros irán destinados a clubs deportivos sen ánimo de lucro que compitan en ámbito inferior a nacional e 100.000 euros para entidades que compitan na categoría rexional preferente
Carmela Silva Rego, presidenta da Deputación de Pontevedra na rolda de prensa de onte
Foto: D. PO.
Infogauda / Pontevedra
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva Rego, anunciou que a Xunta de Goberno da institución provincial aprobou onte as bases das subvencións a clubs deportivos sen ánimo de lucro que participen en competicións federadas no ano 2019. Carmela Silva explicou que "estas subvencións teñen un orzamento de 600.000 euros, dos cales 500.000 euros serán para os clubs que compitan en ámbito inferior a nacional e os 100.000 restantes para as entidades que compitan na rexional preferente na modalidade de fútbol".
A presidenta provincial manifestou a súa satisfacción "polo esforzo desenvolvido dende a Deputación para adiantar a convocatoria destas axudas o máximo posible". Neste eido, Silva destacou que "xa o anunciei a semana pasada, que queríamos adiantar as axudas no eido deportivo e hoxe aprobamos as bases das primeiras subvencións do 2019 destinadas ao deporte, dando un paso máis no noso absoluto compromiso coa promoción do deporte na nosa provincia".
A convocatoria aprobada onte ten por obxecto regular as axudas destinadas a clubs deportivos sen ánimo de lucro que participen en competicións federadas no 2019. Máis polo miúdo, a finalidade é apoiar a súa participación en ligas e competicións oficiais de ámbito inferior a nacional convocadas por organismos oficiais ou por federacións deportivas galegas nas modalidades con implantación na provincia de Pontevedra. Para acceder ás subvencións, por concorrencia competitiva, valoraranse, tal e como explicou Silva, cuestións como o número de licencias federativas na temporada actual, o ámbito de competición do equipo de referencia, o número de categorías na temporada actual, o número de licenzas femininas ou a posesión de licenzas de deporte adaptado.
Finalmente, a presidenta da Deputación informou que o prazo para presentar as solicitudes será dun mes contado dende o día seguinte da súa publicación no BOPPO que, segundo detallou, "farase de maneira inmediata".
Ningún comentario:
Publicar un comentario