31 de xan. de 2019

LABORAL

“Non estamos dispostas/os a aturar ningún ERE máis” 

Persoal de Maderas Iglesias marcha entre a casa do propietario e a Xunta en Vigo para esixir unha solución


Máis da metade das 200 traballadoras/es de Madeiras Iglesias botáronse hoxe á rúa de novo en Vigo para esixir unha solución ao “calvario” que padecen dende hai anos
Foto: CIG

Infogauda / Vigo

 O cadro de persoal de Maderas Iglesias, empresa do Porriño dedicada á fabricación de tarima flotante que atravesa unha situación crítica, non está disposto a permitir que a dirección aplique o ERE que vén de anunciar, o noveno que presenta en nove anos. Hoxe marcharon en manifestación entre a casa do propietario até a delegación da Xunta en Vigo para esixir unha solución ao “calvario” que viven dende hai anos.

 “Unha compañeira aseguroume que estaría disposta a aguantar o que sexa para lograr unha solución, pero non un novo ERE”. Deste xeito resumiu o presidente do comité de empresa de Maderas Iglesias, Vicente Molares, da CIG, o cansazo das traballadoras/es tras oito ERE consecutivos. “Non estamos dispostas/os a aturar nin un só máis”, asegurou o representante sindical, “así que agardamos que a Xunta non autorice o noveno que a empresa presenta en nove anos”.  

 Precisamente este venres terá lugar unha xuntanza na sede do Igape en Santiago, unha vez que as negociacións entre a dirección e o cadro de persoal están rotas. “O empresario chegounos a dicir que non irán ao ERE as empregadas/os que consuman o total das prestacións por desemprego, sempre e cando non haxa paróns técnicos”, denuncia.  

 Máis da metade das 200 traballadoras/es de Madeiras Iglesias botáronse hoxe á rúa de novo en Vigo para esixir unha solución ao “calvario” que padecen dende hai anos, tal e como definiu unha empregada o que están a vivir. A manifestación arrincou do domicilio do dono da compañía, na rúa do Couto, e percorreu o centro da cidade até a delegación da Xunta, pasando antes polo establecemento hoteleiro de García Barbón tamén propiedade do empresario.  

 “Empresa culpábel, Xunta responsábel”, “Non máis ERE”, “Maderas Iglesias solución” ou “Emprego digno na nosa empresa” foron unha vez máis as consignas máis repetidas durante unha marcha que se celebrou baixo unha intensa choiva.

Ningún comentario:

Publicar un comentario