Persoal dos PAC trasládanlle ao Sergas en Vigo demandas sobre condicións de traballo e seguridade laboral
Traballadoras/es e Administración volverán reunirse o martes 5 tras a xuntanza mantida hai dous días
Un grupo de traballadoras/es dos Puntos de Atención Continuada (PAC) concentráronse hoxe diante do edificio administrativo do Sergas en Vigo
Foto: CIG
Infogauda / Vigo
Un grupo de traballadoras/es dos Puntos de Atención Continuada (PAC) concentráronse hoxe diante do edificio administrativo do Sergas en Vigo coincidindo coa entrega dunha solicitude relacionada coas condicións de traballo e as medidas de seguridade laboral.
Dende o colectivo lembran que este é un dos 11 puntos que constitúen a táboa reivindicativa que motivou a folga indefinida que manteñen as empregadas/os dos PAC en toda Galiza. Estas demandas fóronlle trasladadas á Administración en numerosas ocasións, xa que maior parte deles afectan directamente a calidade asistencial, como son a revisión dos plans funcionais para dotar de recursos a cada un dos centros; equipos completos médica/o-enfermeira/o; e retirada dos obxectivos á derivación hospitalaria.
Outros teñen que ver coa recuperación de dereitos perdidos, como o pago do 100% dos complementos de nocturnidade e festividade; e o cómputo neutro de permisos e incapacidades temporais: Finalmente, outras das demandas teñen relación coa penosidade e perigosidade no traballo, como son a dotación necesaria de equipos de protección individual; o non aumento da xornada anual de 1451 horas; ou que se respecte a directiva europea dos tempos de traballo.
Xuntanza co Sergas
Antes do inicio da mobilización, membros de 'PAC´s en Pé de Guerra' informaron sobre a primeira reunión mantida entre o comité de folga e o Sergas, que tivo lugar o pasado martes. Dende o colectivo agardan que tras a exposición das distintas posicións “a Administración entregue un primeiro documento cunha proposta para iniciar unha negociación en firme”. A próxima reunión está prevista o vindeiro martes día 5.
“Tras 22 días de folga o Sergas deu un paso cara ao diálogo ao convocar ao comité de colga; na xuntanza semella que entenderon as necesidades en seguridade tanto dentro dos PAC como nas funcións que desenvolvemos fóra do centro de traballo atendendo catástrofes como a recente explosión da pirotécnica de Tui, accidentes de tráfico ou en calquera lugar á intemperie”, explican.
Finalmente, sosteñen que os problemas que o Sergas ten coas súas traballadoras/es solucionaríanse rematando coa situación de precariedade e sobrecarga laboral “e non intentando facer un lavado de cara mediático, xa que o futuro da sanidade pública pasa por dotar de medios materiais, de persoal e por garantir unhas condicións de traballo que permitan realizar a asistencia dun xeito digno”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario