30 de xan. de 2019

GALICIA

O titular da Xunta de Galicia presidiu o acto de entrega de agasallos do 23 Certame de tarxetas de Nadal Special Olympics Galicia 

Feijóo salienta o labor das entidades sociais que poñen o deporte ao servizo das persoas con discapacidade para seguir superando barreiras e temores e atopar a mellor versión de cada persoa  

Agradece o compromiso de Special Olympics, de Fademga e de todo o tecido social co que conta Galicia, disposto a impulsar a todos os galegos con capacidades diferentes

Garante o apoio da Xunta a Special Olympics e ás entidades que lle dan vida, como proba a achega de 200.000 euros destinada o pasado ano ao seu funcionamento

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe o labor das entidades sociais que poñen o deporte ao servizo das persoas con discapacidade
Foto: X. G.
 
Infogauda / Galicia
 
  O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe o labor das entidades sociais que poñen o deporte ao servizo das persoas con discapacidade para seguir superando barreiras e temores e atopar a mellor versión de cada persoa.

 Durante o acto de entrega de agasallos do 23 Certame de tarxetas de Nadal Special Olympics Galicia, Feijóo agradeceu deste xeito o compromiso de Special Olympics, de Fademga e de todo o tecido social co que conta Galicia, disposto a impulsar a todos os galegos con capacidades diferentes.

 Así mesmo, destacou o traballo de Special Olympics para promover a inclusión social a través do lecer, cos seus campamentos e programas de vacacións; da cultura, cos seus grupos de artes escénicas; e da arte, como demostra o concurso de tarxetas de Nadal, no que participaron 854 persoas con discapacidade intelectual de 30 entidades de toda a Comunidade.

 Ao longo da entrega de premios, Feijóo resaltou que todas as tarxetas son pequenas obras de arte: “Cada unha reflicte as inquedanzas, as ilusións e a forma de entender o mundo da persoa que as creou”, dixo, ao que lembrou que unha das tarxetas do certame do ano pasado, creada por Alberto Pérez Míguez, de Aspadisol, foi escollida pola Consellería de Política Social para desexar as Felices Festas.
 
 O presidente do Executivo galego concluíu garantindo o apoio da Administración autonómica a esta asociación e ás entidades que lle dan vida, como proba a achega de 200.000 euros destinada o pasado ano ao seu funcionamento. “O Goberno galego comparte con Special Olympics un dos seus grandes valores: que o valor dunha persoa non o determina ata onde pode chegar, senón canto está disposta a esforzarse e a superarse a si mesma”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario