29 de xan. de 2019

CAMPOSANCOS (A GUARDA)

A restauración arqueolóxica do barrio de Mergelina, no Monte Santa Trega 

Centra a Barferencia deste venres 1 de febreiro, ás 20:30 horas, no bar O Couto, de Camposancos (A Guarda)  

O alcalde de A Guarda, acompañado dun arqueólogo, nunha das visitas o solleiro barrio Mergelina, no Monte Santa Trega, con espectaculares vistas ao esteiro e a foz do río Miño, e tamén a Portugal
Fotos: C.A.G.

Infogauda / Camposancos 

 Este venres día 1 de febreiro terá lugar a segunda Barferencia deste 2019 na Guarda, en concreto falarase sobre «Barrio de Mergelina, un modelo de restauración arqueolóxica» a cargo de Luis Francisco López González.   

 Esta é a cuarta Barferencia do ciclo 2018-2019 e terá lugar ás 20:30 horas no bar O Couto de Camposancos, onde os asistentes coñecerán como foron as novas actuacións realizadas, grazas a colaboración da Deputación de Pontevedra, no Castro do Monte Santa Trega. Estas intervencións enmarcáronse no protocolo asinado co Ministerio de Fomento para a posta en valor dos xacementos galaico-romanos da provincia. A institución provincial promoveu as tarefas de restauración e consolidación no barrio Mergelina, do xacemento do Monte Santa Trega (A Guarda), traballos que se prolongaron ao longo de 5 meses sobre unha superficie total de 2.642 metros cadrados na devandita zona arqueolóxica, para os que se contou cun orzamento de 367.719 euros.   

 A restauración e consolidación desa zona do xacemento foi executada por Terra Arqueos, e a coordinación de Rafael Rodríguez Martínez, o arqueólogo da Deputación de Pontevedra que dirixiu a intervención realizada no Monte Santa Trega entre setembro de 2015 e abril de 2016.   

 Durante a fase de escavación do barrio Mergelina constatouse que o castro foi ocupado antes do que se pensaba, desde o século IV a.C. Tamén sacouse á luz 43 novas estruturas arquitectónicas que compoñen 11 unidades familiares e ata 43.833 pezas, que formarán parte do vindeiro proxecto de musealización. 

 As Barferencias continuarán o 15 de marzo na Cafetería Marbella cunha charla sobre “Castelo de Santa Cruz: 350 anos do fin da Guerra da Restauración na Guarda”, a cargo da doutora Rebeca Blanco Rotea.

Ningún comentario:

Publicar un comentario