21 de set. de 2018

CULTURA

Laura Ramos Cuba gaña o XIº Premio de poesía Victoriano Taibo 

Coa obra presentada baixo o título de A situación actual


Laura Ramos Cuba

Infogauda / Gondomar

 O xurado do certame poético Victoriano Taibo que convoca o Concello de Gondomar en colaboración co Instituto de Estudos Miñoráns, integrado polos escritores e escritoras Iria Misa, Gonzalo Navaza, Miguel Anxo Mouriño, Marta Dacosta en nome do IEM e Rafa Vilar, gañador da Xª edición, resolveu que o libro gañador desta XIª edición era o presentado co título de A situación actual que, unha vez aberta a plica, resultou ser da autoría de Laura Ramos Cuba. 

 O xurado valorou que se trata dunha obra absolutamente contemporánea en que atopamos unha voz intimista moi forte. Unha voz dunha grande radicalidade, capaz de reflectir unha situación límite, unha crise emocional. Destaca a capacidade de poetizar o cotián con sinxeleza e fondura a un tempo. O xurado tamén salientou a unidade do libro, que mantén ao longo da lectura o pulso e o ritmo. 

 Laura Ramos Cuba, é unha moza burelá graduada en xornalismo e comunicación audiovisual pola Universidade de Santiago de Compostela. Este é o seu primeiro premio e, será, o seu primeiro libro publicado, co que o certame Victoriano Taibo ten a satisfacción de permitir que saia á luz esta voz actualísima que nos fala desde as súas propias coordenadas inseridas neste século XXI. A entrega do premio será o día 17 de novembro nun acto que decorrerá no Auditorio Lois Tobío de Gondomar.

OIA

Ata o 30 de setembro  

A Oficina de Turismo de Oia acolle a mostra fotográfica Memorias da telleira   

· A actividade enmárcase dentro da programación lúdico-cultural do Festival do Rei Sol  

Memorias da telleira pode visitarse ata o 30 deste mes, na Oficina de Turismo de Oia

Patricia Muñoz Raña / Oia 

 A Oficina de Turismo de Oia acolle ata final de mes a mostra de fotografías antigas Memorias da telleira, unha selección de imaxes dos anos 50 e 60 do século XX que ilustran como era o traballo dos cabaqueiros. A mostra pode visitarse de mércores a domingo de 10.00 a 17.30 horas, ata o próximo día 30 de setembro.  

 As fotografías proceden da colección particular de Pepe Buraco, veciño do Rosal, que traballou como telleiro durante 13 anos, e da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Viladesuso. Nelas aparecen veciños de Oia que traballaron en telleiras de diversas zonas de Galicia e España.   

 Esta actividade enmárcase dentro da programación da terceira edición do Festival do Rei Sol, que ofreceu unha decena de actividades lúdico-culturais entre o 14 e o 16 de setembro. Entre elas, unha conferencia onde o propio Pepe Buraco falou sobre a vida e traballo dos cabaqueiros e das súas familias e concretou as distintas telleiras que se teñen localizado no concello de Oia, unhas 13 segundo indicou durante o seu relatorio. 

Balance do Festival do Rei Sol

 Máis de 200 persoas teñen asistido ás distintas propostas lúdico-culturais programadas durante os tres días que durou o Festival do Rei Sol. Visitas guiadas, obradoiros infantís, relatorios, espectáculos de teatro e narración oral, unha contemplación do solpor desde o castro de Cano dos Mouros e a exposición de fotografía –que se pode visitar ata final de mes- foron as actividades desta edición.    

 O Festival do Rei Sol leva o nome do protagonista dunha lenda local asociada ao castro do Cano dos Mouros, na parroquia de Viladesuso (Oia). Partindo desta historia, esta cita cultural pretende servir como elemento para revalorizar o patrimonio local –especialmente o inmaterial-- e concienciar sobre a necesidade de preservalo para as futuras xeracións. 

 O evento, organizado pola Asociación Costa dos Castros xunto co Concello de Oia, desenvolveuse coa colaboración da Deputación de Pontevedra (Ano da Lingua e Pontegal) e de diversos colectivos locais como a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común e a Asociación de Veciños de Viladesuso.

A GUARDA

O Conservatorio de Música da Guarda iniciou o novo curso 

· Cubrindo a totalidade das prazas ofertadas


Infogauda / A Guarda

 O pasado luns día 17 de setembro tivo lugar o inicio do novo curso no Conservatorio de Música da Guarda, un ano especial polo aumento de matriculacións, quedando cubertas a totalidade das prazas ofertadas nos diferentes grupos, coma percusión, frauta travesera, clarinete, saxofón, gaita, violín, viola, piano, guitarra clásica e eléctrica, trompeta, trompa, trombón e tuba.  

 Entre as novidades deste novo curso destaca a posta en marcha da materia de percusión, cubríndose tamén a totalidade das prazas ofertadas, a incorporación dun novo profesor para linguaxe musical ou a formación dun coro, que contará coa participación de todos os alumnos do Conservatorio.  

 Tamén este ano os alumnos do curso de gaita terán a oportunidade de optar a clases en conxunto, a diferenza de outros anos en que só ofertábanse clases individuais.  

 José Antonio Soutelo Muñoz, director do Conservatorio de Música da Guarda, valora o inicio deste curso «coma un dos mellores, non só polo éxito de matriculacións, senón pola cantidade de novidades e ampliación de servizos, o que pon en valor este espazo cultural na vila da Guarda e que promoverá ter unha boa «canteira» de rapaces e rapazas cunha formación musical sólida e variada».  

 Dende a Concellería de Cultura, Mª Elena Baz Rodríguez destaca «o esforzo realizado dende o Concello para o mantemento do Conservatorio, ampliando a oferta de servizos», engadindo que «apostar pola música é apostar por un bo futuro para os rapaces e rapazas, inculcando valores positivos coma o traballo en equipo, a responsabilidade, a disciplina, entre outros».  

TUI

PRIMEIRA XORNADA DE PARTICIPACIÓN PÚBLICA PARA ELABORAR A ‘ESTRATEXIA 2030’ COA QUE DESENVOLVER O TERRITORIO DO MIÑO  

· A AECT fai un chamamento aos axentes económicos e sociais da zona para que asistan este luns á mesa sectorial sobre ‘Gobernanza no territorio transfronteirizo’  

Infogauda / Tui

 A nova fase de participación para elaborar a ‘Estratexia de Cooperación do Río Miño Transfronteirizo 2030’ arranca este luns 24 de setembro en Tui coa celebración da primeira mesa sectorial titulada “A gobernanza no territorio transfronteirizo”.  Trátase do primeiro encontro interactivo coa poboación para elaborar de maneira consensuada un documento guía sobre como desenvolver as potencialidades do territorio: a intención é acadar unha boa participación dos axentes socioeconómicos da zona para que expresen as súas propostas, inquedanzas e visión sobre cal debe ser o futuro do territorio do Miño.   

 A mesa sectorial terá lugar no edificio Área Panorámica ás cinco da tarde e nela tomarán parte  a profesora de Relacións internacionais e Administración Pública de Universidade do Minho, Sandrina Antunes, e o profesor de Economía Financieira e Contabilidade da Universidade de Vigo, Xavier Martínez Cobas, que forman parte do equipo científico da Fundación CEER (Centro de Estudios Eurorrexionais) para a elaboración da ‘Estratexia 2030’.  

 As persoas interesadas en participar na mesa sectorial poderán inscribirse a través da páxina web. Así mesmo, aquelas persoas que non poidan asistir ás mesas sectoriais poderán sumarse igualmente ao proceso de participación cidadá, aportando as súas achegas e suxestións a través da páxina web, no ‘Espazo virtual transfronteirizo de participación cidadá’ habilitado con esa finalidade e que estará aberto ata finais de outubro.  

 As seguintes mesas sectoriais que se celebrarán abordarán a ‘Cultura e comercio tradicional’, o 27 de setembro en Valença; ‘Mobilidade, os servizos e os turismo sustentable’, o 3 de outubro tamén en Valença; e ‘Sectores produtivos’, o 8 de outubro en Tui . Todas elas serán ás cinco da tarde (hora galega).  

 Detrás da Estratexia de Cooperación Intelixente do Río Miño Transfronteirizo, coñecida como `Estratexia 2030`, está un programa de actuación conxunta dos actores públicos e privados do territorio do río Miño na área do norte de Portugal e sur da provincia de Pontevedra. Este traballo de análise profunda do espazo transfronteirizo ten como horizonte futuro o novo marco financeiro europeo 2023-2027 e rematará a finais de ano coa celebración do II Fórum do Río Miño Transfronteirizo.  

 `A Estratexia 2030´ pretende desenvolver un plan de acción e implementar un proceso capaz de involucrar aos actores públicos e privados (axentes económicos e sociais presentes no territorio) co fin de ser un documento-guía da orientación das políticas públicas de desenvolvemento da área transfronteiriza do río Miño, orientado e integrado nunha perspectiva de valoración e uso económico e sustentable dos recursos do río internacional.   

 A encargada de impulsar a Estratexia é Agrupación de Cooperación Territorial Río Miño (AECT-Río Miño), constituída pola Deputación de Pontevedra no territorio do Miño pontevedrés, e pola Comunidade Intermunicipal do Alto Minho portugués (CIM Alto Minho).  

 A Estratexia de Cooperación Intelixente do rio Minho Transfronteirizo enmárcase dentro do proxecto SmartMinho a través do Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal 2014-2020 (INTERREG V-A) e está cofinanciado ao 75 %, cun orzamento total de 942.022,47 euros.

MADRID

CULTURA

A ESCRITORA LUCENSE CELIA CASTRO FERNÁNDEZ PRESENTOU NA DELEGACIÓN DA XUNTA O SEU LIBRO “PINTURA Y FOTOGRAFÍA EN EL SIGLO XIX. UNA APROXIMACIÓN AL ARTE DE DIONISIO FIERROS” 

· Unha obra editada por Hércules de Ediciones que demostra a estreita relación que existiu entre a pintura e a fotografía no século XIX en España 

Celia Castro Fernández, Ramón Jiménez, Víctor Nieto Alcaide e Laura Rodríguez Herrera
Fotos: Casa de Galicia / Madrid

Infogauda / Madrid

 A escritora lucense e catedrática de Historia da Arte Celia Castro Fernández presentou onte na Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia o seu libro “Pintura y fotografía en el siglo XIX. Una aproximación al arte de Dionisio Fierros”, unha obra editada por Hércules de Ediciones que demostra a estreita relación que existiu entre a pintura e a fotografía no século XIX en España e a importancia que esta tivo no proceso creativo de moitas pinturas e fai un percorrido pola pintura e a fotografía do século XIX e, en especial, pola obra de Dionisio Fierros.  

 Ademais da autora, interviñeron no acto o académico da Real Academia de Belas Artes de San Fernando e autor do prólogo Víctor Nieto Alcaide, a editora, Laura Rodríguez Herrera, e o coordinador de Actividades da Casa de Galicia, Ramón Jiménez, que o fixo en representación do delegado da Xunta e director da Casa de Galicia, José Ramón Ónega. 

 Jiménez expuxo que o nome de Dionisio Fierros “sempre me resultou familiar desde que o seu neto, Dionisio Gamallo Fierros, o extraordinario profesor e erudito natural de Ribadeo, que xa era un home maior entón e quen asistía con frecuencia aos actos que celebrabamos nesta Casa, faláseme de el” e presentou á autora do libro. 

 A editora destacou “a calidade da obra e o curioso enfoque sobre a relación entre a pintura e a fotografía no século XIX”, valorando que este “será do interese tanto do público en xeral como do máis entendido”.  “A publicación desta obra pon de relevo unha vez máis o compromiso de Hércules de Ediciones coa cultura galega, xa que aínda que Donisio Fierros non era galego, gran parte da súa produción si se desenvolveu en Galicia, e son moitas as casas particulares e os museos da nosa terra que atesouran algunha das súas obras”, sinalou Rodríguez, para quen “foi unha honra traballar man a man coa profesora Celia Castro Fernández na realización dun libro, pero tamén dun soño que ela perseguía desde facía moitos anos".  

A autora proxectou fotografías e pinturas para explicar a relación entre ambas as artes

 Nieto Alcaide afirmou que este estudo sobre a relación entre a pintura e a fotografía no século XIX “cobre un espazo que vén demandando ser investigado” e que nese tempo é “imposible o estudo de cada especialidade sen o coñecemento da outra”, así como que “ambas xogaron un papel decisivo na creación das imaxes da modernidade”. Sinalou así mesmo que “non abundan na bibliografía española estudos e aproximacións dedicados a analizar este problema en relación coa obra dun artista. Por iso é unha gran noticia que unha investigadora como Celia Castro Fernández analizase a obra de Dionisio Fierros”. A obra “constitúe unha gran achega ao complexo estudo das linguaxes que configuraron no século XIX un novo concepto da imaxe e un referente do valor interdisciplinar e integrador da Historia da Arte”, sostivo.  

 Pola súa banda, Celia Castro, que proxectou algunhas da pinturas e fotografías que aparecen no libro para expllicar a relación entre ambas as artes, explicou que o pintor Federico de Madrazo, do que foi discípulo e amigo Dionisio Fierros, foi pioneiro na utilización de fotografías como referencias para facer os seus retratos e documentarse. “A fotografía serve para acurtar as sesións de pousado, non así para suprimilas, pois o pintor necesítaas para captar a actitude e a fisonomía do modelo, do que vai realizar varios bosquexos, pero si vai facilitarlle a tarefa permitíndolle concluír antes o seu traballo”, precisou. 

 A autora lembrou que Fierros retratou a personalidades como Isabel II, Amadeo de Saboya, Alfonso XII e María de las Mercedes e que ao longo da súa vida cultivou moitos xéneros pictóricos, ademais do retrato, tales como a paisaxe, a mariña, o bodegón, o cadro de historia e o cadro de costumes. “Pintou incansablemente e de todas as maneiras, desde a monumentalidad do cadro de historia ata a miniatura sobre marfil”, “en ocasións sérvese da fotografía como base, pero a partir dela crea e interpreta e as súas obras transcéndena”, afirmou, engadindo que “moitos fogares teñen obras súas, pois ter un Fierros era un signo de elegancia e de distinción social”.    

A autora: Celia Castro Fernández (Ribadeo, Lugo). 

Estudou Xeografía e Historia na Universidade de Santiago de Compostela. Especializouse en Historia da Arte, realizando as subespecialidades de Historia da Arte Antigo e Medieval e Museoloxía. Exerce a docencia como catedrática de Historia da Arte na Escola de Arte e Deseño Ramón Falcón, de Lugo. Actualmente atópase realizando unha tese doutoral na Facultade de Humanidades de Lugo, sobre Pintura e Fotografía no século XIX. É autora do libro “Estudio iconográfico e estilístico de los capiteles de la Catedral de Mondoñedo”. Escribiu ao redor de cincuenta artigos en revistas especializadas —Lucensia, Artesonado, Croa, Rudesindus—, a maior parte sobre arte medieval, pintura galega (Dionisio Fierros, Amando Suárez Couto, Benito Prieto Coussent, Maruja Mallo, etc.) e figuras relevantes da sociedade e cultura galegas. Escribiu tamén numerosas críticas de arte e participou na reestruturación e montaxe dos Museos de Lugo, Lourenzá e Cervo. É membro fundadora da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago na provincia de Lugo e da do Camiño do Norte, así como da Sociedade Cultural Benito Prieto Coussent.

LABORAL

O comité de Vitrasa inicia mobilizacións ante a falta de respostas da empresa 

Os representantes do persoal aseguran que comeza a conta atrás para que se negocien as súas demandas

Onte decorreu a primeira das protestas, que consistiu no despregue dunha faixa reivindicativa ás portas das instalacións da empresa
Foto: CIG

Infogauda / Vigo

 Despois de tres semanas de denunciaren publicamente a degradación das condicións laborais no servizo público de transporte urbano de Vigo e de contratacións fraudulentas por parte da empresa, sen obteren ningunha resposta, o comité de Vitrasa deu inicio a unhas mobilizacións que procuran que a empresa se sente a negociar.  

 Onte xoves 20 de setembro decorreu a primeira das protestas, que consistiu no despregue dunha faixa reivindicativa ás portas das instalacións da empresa, outorgando á dirección unha nova oportunidade para abordar as demandas antes de escalar as mobilizacións.  

 O comité sinala, así mesmo, que fixo entrega dunha nota dirixida ao Concello de Vigo onde se denuncian as ilegalidades cometidas e solicita a súa implicación de cara á mediación coa empresa. Advirten de que se para a semana vindeira non se desen pasos de cara á resolución do conflito, simultanearían concentracións ante a sede municipal -dando inicio o 27 de setembro- e na da propia Vitrasa.  

 Se todo isto non fructifica, formularían ante a asemblea de traballadores/as do vindeiro día 29 de setembro a necesidade de incrementar as accións, sen descartar ningunha posibilidade. Sobre a mesa está a necesidade de resolver as irregularidades en eventualidade, horarios de percorrido, uniformidade, horas extra ou baños, entre outras.  

 Indican finalmente, e de cara á veciñanza de Vigo, que están a esgotar todas as vías posíbeis de diálogo “antes de que nos aboquen a deter un servizo tan esencial como é transporte público da cidade”.

CAMINHA

CINEMA

Boletim da Sessão nº 361 

"Para Roma com Amor" de Woody Allen (2012)

Sexta-feira, 21 de setembro às 21:45 no Auditório do Museu Municipal, em Caminha


Locus Cinemae / Caminha

 Roma, Itália. Quatro histórias distintas que nunca se chegam a cruzar. Numa delas, John (Alec Baldwin), um arquitecto americano de férias na Europa, conhece o jovem Jack (Jesse Eisenberg), um estudante de arquitectura que se vê envolvido num triângulo amoroso com a namorada (Greta Gerwig) e a melhor amiga desta (Ellen Page). 

 Numa outra, um fracassado produtor de óperas (Woody Allen) viaja com a mulher para o casamento da filha (Alison Pill). Aí chegado, conhece Giancarlo (interpretado pelo famoso tenor Fabio Armiliato), o pai do noivo (Fabio Armiliato) e, ao ouvi-lo cantar no banho, fica estarrecido com a sua espantosa voz. Outra conta a situação caricata de um perfeito desconhecido (Roberto Benigni) que repentinamente e sem qualquer razão aparente, se torna numa celebridade nacional. E, por último, a história de um casal de província (Alessandro Tiberi e Alessandra Mastronardi) que chega à capital e se vê envolvido com uma bela prostituta (Penélope Cruz) e um conhecido actor de cinema.  

 Depois de Londres (com “Match Point“), Barcelona (Vicky Cristina Barcelona) e Paris (“Meia-Noite em Paris“), Woody Allen regressa com mais um olhar sobre a Europa, desta vez com Roma como pano de fundo. PÚBLICO 


FICHA TÉCNICA:
Título Original: “To Rome with Love”, EUA/Itália/Espanha, 1983
Realização: Woody Allen
Produção: Letty Aronson, Stephen Tenenbaum, Giampaolo Letta, Faruk Alatan
Companhia produtora: Medusa Film, Gravier Productions, Perdido Production
Argumento: Woody Allen
Fotografia: Darius Khondji
Montagem: Alisa Lepselter
Distribuição: Medusa Distribuzione
Duração: 112 minutos
FICHA ARTÍSTICA:
Woody Allen – Jerry
Alec Baldwin – John
Roberto Benigni – Leopoldo
Penélope Cruz – Anna
Judy Davis – Phyllis
Jesse Eisenberg – Jack
Greta Gerwig – Sally
Ellen Page – Monica

Programação     
Ciclo Cinema e as Cidades  
28 de setembro, “Paterson”, Jim Jamursch, EUA/França/Alemanha, 2016, Sessão 362 (M/12)  
Ciclo Cinema e Saúde Mental  
04 de outubro (quinta-feira), “Anjos Marcados”, Fred Zinnemann, EUA, 1948, Sessão 363 (s/ classificação) 
12 de outubro, “Encontro de Irmãos”, Barry Levinson, EUA, 1988, Sessão 364 (M/12) 
19 de outubro, “Despertares”, Penny Marshall, EUA, 1990, Sessão 365 (M/12) 
26 de outubro, “Forrest Gump”, Robert Zemeckis, EUA, 1994, Sessão 366 (M/12)