21 de set. de 2018

A GUARDA

O Conservatorio de Música da Guarda iniciou o novo curso 

· Cubrindo a totalidade das prazas ofertadas


Infogauda / A Guarda

 O pasado luns día 17 de setembro tivo lugar o inicio do novo curso no Conservatorio de Música da Guarda, un ano especial polo aumento de matriculacións, quedando cubertas a totalidade das prazas ofertadas nos diferentes grupos, coma percusión, frauta travesera, clarinete, saxofón, gaita, violín, viola, piano, guitarra clásica e eléctrica, trompeta, trompa, trombón e tuba.  

 Entre as novidades deste novo curso destaca a posta en marcha da materia de percusión, cubríndose tamén a totalidade das prazas ofertadas, a incorporación dun novo profesor para linguaxe musical ou a formación dun coro, que contará coa participación de todos os alumnos do Conservatorio.  

 Tamén este ano os alumnos do curso de gaita terán a oportunidade de optar a clases en conxunto, a diferenza de outros anos en que só ofertábanse clases individuais.  

 José Antonio Soutelo Muñoz, director do Conservatorio de Música da Guarda, valora o inicio deste curso «coma un dos mellores, non só polo éxito de matriculacións, senón pola cantidade de novidades e ampliación de servizos, o que pon en valor este espazo cultural na vila da Guarda e que promoverá ter unha boa «canteira» de rapaces e rapazas cunha formación musical sólida e variada».  

 Dende a Concellería de Cultura, Mª Elena Baz Rodríguez destaca «o esforzo realizado dende o Concello para o mantemento do Conservatorio, ampliando a oferta de servizos», engadindo que «apostar pola música é apostar por un bo futuro para os rapaces e rapazas, inculcando valores positivos coma o traballo en equipo, a responsabilidade, a disciplina, entre outros».  

Ningún comentario:

Publicar un comentario