A Deputación de Pontevedra incrementa ata o 40% a súa cofinanciación dos Grupos de Emerxencia Supramunicipais na provincia
Con este novo convenio entre as Deputacións, Xunta e Fegamp, que se firmará o 26 de decembro, conséguese rebaixar en 12,5 puntos os custos que tiñan que asumir os concellos
Carmela Silva Rego, presidenta da Deputación de Pontevedra
Foto: D. PO.
Infogauda / Pontevedra
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva Rego, anunciou as novidades do convenio de colaboración entre as Deputacións galegas, a Xunta, e a FEGAMP en materia de emerxencias e prevención e defensa contra incendios forestais para o desenvolvemento dos Grupos de Emerxencia Supramunicipais (GES) que se firmará o 26 de decembro e que a Deputación levará a pleno o día 28. Co novo convenio, que estará vixente ata decembro do 2021, as Deputacións incrementan as súas aportacións ao cofinanciamento dos GES ata o 40%, a Xunta de Galicia rebaixa a súa ata o 52,5% e os concellos ata o 7,5%; deste xeito, increméntase o gasto para a Deputación de Pontevedra e redúcense os custes que teñen que asumir os concellos da provincia.
Carmela Silva amosou a súa satisfacción xa que "tras meses de múltiples reunións, de encontros e de reflexións e coa xenerosidade das catro deputacións galegas, por fin puidemos acadar o noso obxectivo que non era outro que modificar o financiamento dos GES co obxectivo de minimizar o impacto económico que estes grupos significaban para os concellos. Coa a nosa aposta conseguimos que os concellos rebaixen a súa aportación en 12,5 puntos".
No anterior convenio, a Xunta de Galicia asumía con cargo a fondos propios o 60% dos gastos de persoal e o 40% repartíase a partes iguais entre as Deputacións e os concellos sede dos GES. Amais, tamén había uns gastos de funcionamento valorados en 10.000 euros e asumidos pola Xunta de Galicia que coas novas medidas impulsadas pola Deputación ascenderán a 30.000 euros e pasarán a ser cofinanciados por Xunta, Deputación e Concellos.
Os GES son grupos supramunicipais integrados, con carácter xeral, por 12 efectivos que complementan a atención ás emerxencias, extinción de incendios forestais e prevención. Máis polo miúdo a provincia de Pontevedra conta coas zonas do Val Miñor, a do Baixo Miño, a de Valga, a de Ponteareas e a de Sanxenxo; e as subzonas de Tabeirós e Terra de Montes e a do Deza.
Ningún comentario:
Publicar un comentario