22 de dec. de 2018

CULTURA

Aberto o prazo para que artistas e grupos musicais profesionais se inscriban no Musigal 2019 

O prazo de inscrición rematará o vindeiro 18 de xaneiro de 2019 e as solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos


Infogauda / Pontevedra

 Tras a publicación onte no BOPPO das bases do programa Musigal 2019, todos os grupos e artistas musicais profesionais con domicilio social en Pontevedra poden presentar xa as súas solicitudes de inscrición. Nesta segunda edición do programa, as solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Deputación de Pontevedra. O prazo de solicitudes para grupos e artistas rematará o 18 de xaneiro.  

 O Musigal, que fora un programa de nova creación ao abeiro do Ano da Lingua de 2018, será unha das iniciativas máis representativas do Ano da Música de 2019. Este programa conta cunha dotación orzamentaria de medio millón de euros  e pretende promover que os concellos conten con apoios para contratar música profesional galega e en galego ao longo do vindeiro exercicio. O prazo para que os concellos soliciten actuacións rematará o 8 de febreiro. 

 Segundo as bases da convocatoria, poderán inscribirse no Musigal unicamente artistas e grupos musicais profesionais con domicilio social en Pontevedra, que aborden de xeito específico contidos sociolingüísticos e de dinamización da lingua galega e que nos seus concertos fagan música en galego ou, no caso de ser instrumentais, que as súas pezas sexan de autoría galega. As bases manteñen as seis categorías da edición anterior: ‘Son muller', na que poden inscribirse grupos nos que polo menos o 60% das persoas integrantes e a vocalista sexan mulleres; "Son crianza" para grupos con espectáculos dirixidos ao público infantil e familiar; "Son mocidade" para grupos nos que polo menos o 60% das persoas integrantes sexan menores de 35 anos; "Son tradición" para grupos de música tradicional galega; "Son clásico" para grupos de música clásica que teñan no seu repertorio composicións de autores galegos; e "Son actual" para grupos de pop, rock, hip hop e música electrónica. Cada grupo musical profesional ou entidade presentará unha única solicitude de inscrición na que indicará a categoría na que desexa inscribirse.  

 Na documentación que os grupos deben achegar inclúense aspectos como a descrición do espectáculo, acreditando o emprego do galego como mínimo no 70% das obras musicais que se interpretan; as necesidades técnicas; e o importe do espectáculo, que será fixado libremente polos grupos e intérpretes, especificando que parte corresponde ao caché da actuación e cal ao custo do equipamento técnico. O número máximo de actuacións que poderá realizar cada grupo ao abeiro deste programa será de cinco.  

 Pola súa banda, os concellos  poderán realizar as súas solicitudes antes do 8 de febreiro e só se lle concederá unha única actuación, mais na solicitude poderán indicar ou sinalar ata un máximo de tres grupos por orde de preferencia, e farán constar o nome do grupo ou artista, a data e o lugar fixados para levar a cabo a actuación. A actuación concedida será cofinanciada ente a Deputación e os concellos. O organismo provincial asumirá o caché do espectáculo do grupo ou artista, mentres que o concello aboará a produción da actuación: equipos de son, luz, escenario e demais medios necesarios para o desenvolvemento da actuación.

Ningún comentario:

Publicar un comentario