11 de dec. de 2018

O ROSAL

"A GATA CON ZOCOS": UNHA COMEDIA MUSICAL PARA TODA Á FAMILIA

· Domingo día 16 de decembro, ás 17:00 horas, no Auditorio Municipal 


Agrupación Musical do Rosal / O Rosal

 A comedia musical "A Gata con Zocos" recalará no Rosal o vindeiro domingo día 16 de decembro. A cita será ás 17:00 horas no Auditorio Municipal do Rosal. 

 Esta novidosa proposta escénica que conxuga música, teatro e monicreques sobre o escenario foi posta en marcha pola compañía de teatro "A Cova das Letras", e dende a súa exitosa estrea, fai agora un ano, leva percorrido moitos puntos da xeografía galega. Cristina Collazo, actriz e directora da obra e os títeres de Anxo García estarán acompañados pola banda da Agrupación Musical do Rosal, que interpretará a composición musical de Manuel Paino para esta peza, unha adaptación do clásico O gato con botas. 

 A entrada ten un custo de 3 € e pode adquirirse de maneira anticipada na oficina da Agrupación Musical do Rosal (Auditorio do Rosal - Porta Lateral). 

 Animamos aos veciños e veciñas a achegarse ata O Rosal o vindeiro domingo 16 de decembro para disfrutar con este espectáculo para toda a familia.  

Breve reseña sobre a obra: 

 Trátase dunha comedia musical na que se revisa o conto tradicional "O gato con botas", xa que o principio o protagonista da historia non era un gato, se non unha gata, pero co tempo isto cambiou e merece ser transmitido ao público máis novo para poñer o acento na reivindicación de valores da sociedade actual. Recuperando a figura orixinal da gata, o Herdeiro recibe do seu finado pai un circo en bancarrota. As artistas e músicos do mesmo abandónano e Don Casio reclama as súas débedas. Máis a minina, máxica por calzaren uns zocos, converterá ó herdeiro no Marqués de Carabás...e así, enfeitizados, os músicas e artistas regresan e a débeda será anulada! MIAU.
 Nace así A gata con zocos, pequeno musical tinguido de humor, música e reivindicación da figura feminina. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario