Román Rodríguez destaca a importancia do mar a nivel identitario e turístico na exposición ‘Ondas do mar de Galicia. Faros e paisaxes mariñas’
A mostra, do fotoxornalista Ricardo Grobas, contén 51 fotografías do litoral galego
O titular de Cultura e Turismo lembro que o vindeiro Xacobeo 2021 é un reto estratéxico no que o ámbito marítimo ten moito que achegar ao desenvolvemento turístico
O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, asistiu na tarde de onte á inauguración da exposición Ondas do mar de Galicia. Faros e paisaxes mariñas do fotoxornalista Ricardo Grobas
Fotos: Marta Vázquez
Infogauda / Vigo
O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, asistiu na tarde de onte á inauguración da exposición Ondas do mar de Galicia. Faros e paisaxes mariñas do fotoxornalista Ricardo Grobas, unha mostra de 51 fotografías do litoral galego que recollen a prodixiosa beleza e forza da natureza, representada nos temporais en distintos puntos da nosa xeografía.
O conselleiro destacou a maiúscula importancia do mar na nosa comunidade desde un punto de vista identitario. económico e turístico e felicitou a Grobas por “amosar o mellor da Galicia marítima neste traballo e ao longo da túa intensa e fructífera carreira profesional”.
Cómpre destacar que Grobas, nos seus máis de 30 anos de profesión, colaborou con diversos xornais e revistas de información xeral e desde o ano 2005 exerce como xefe de fotografía de Faro de Vigo. Así mesmo, participou en diversas exposicións colectivas e recibiu distintos galardóns polo seu traballo, entre eles o Premio Galicia en Foco nos anos 1990 e 1991 e o Premio de Fotografía da Liga Nacional de Fútbol Profesional en 1992.
O mar como porta ao turismo
O titular de Cultura e Turismo lembrou que o vindeiro Xacobeo 2021 é un reto estratéxico para Galicia no que o mar, os faros e a cultura marítima en xeral teñen moito que achegar ao desenvolvemento turístico. De feito, a Xunta de Galicia conta cun produto turístico innovador como a Ruta dos faros co que se busca dar a coñecer os 1500 quilómetros do litoral galego e as súas praias, faros, portos e gastronomía.
Ademais, no marco da presentación realizada no Museo do Mar de Vigo, fixo referencia á candidatura Illas Cíes- Parque Nacional Illas Atlánticas a Patrimonio Mundial da UNESCO que impulsa a Xunta de Galicia. Román Rodríguez destacou que se atopa nun estado avanzado. “Xa está incluída na Lista Indicativa de Patrimonio Mundial da UNESCO e proximamente asinaremos un convenio de colaboración coas tres universidades galegas para sumar apoios ao redor da mesma”, afirmou o conselleiro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario