PATRIMONIO
Brais X. Currás e Mar Cortegoso falaron sobre as salinas do Seixal e de Camposancos
· Na segunda Barferencia de Inverno
Mar Cortegoso e Brais X. Currás
Fotos: C.A.G.
Infogauda / A Guarda
O pasado xoves día 27 de decembro a Cafetería Alameda foi o escenario escollido para a realización da segunda Barferencia de Inverno 2018.
Nesta ocasión contouse coa presenza e intervencións de Brais X. Currás Refojos e Mar Cortegoso Comesaña, que falaron sobre as Paisaxes de sal na Costa Atlántica. Os dous participaron e coordinaron as escavacións arqueolóxicas realizadas recentemente nas Salinas do Seixal incluídas no proxecto “A Guarda, Mar de Sal”.
Antonio Lomba Baz - a dereita da imaxe - dando á benvida aos asistentes, en presenza de Mar Cortegoso e Brais X. Currás
Vista parcial do público que asistiu a barferencia de onte
Cunha afluencia masiva que completou o aforo do local, Antonio Lomba Baz, alcalde da Guarda, deu a benvida aos presentes e deu paso a Brais X. Currás, que falou sobre estas excavacións onde, pouco a pouco, saíron á luz moitas partes do complexo salineiro do Seixal, coma as estruturas que delimitan as zonas de cristalización do sal ou os pavimentos, uns traballos que contaron tamén coa participación de voluntarios e estudantes de varias universidades.
«A Guarda, Mar de Sal» é un proxecto de recuperación e posta en valor das salinas da zona do Seixal e de Camposancos, na fachada atlántica sur do termo municipal de A Guarda e, que continuará no ano 2019 ao abeiro das estratexias de desenvolvemento local participativo EDLP GALP7-066 aprobadas polos Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro para o desenvolvemento sostible das zonas de pesca no marco do Fondo Europeo Marítimo e da Pesca 2014-2020, baixo a coordinación científica de Brais X. Currás.
O obxectivo do proxecto é o desenvolvemento económico local a partir da posta en valor das paisaxes do sal da Guarda como ben patrimonial concibido como ferramenta para a promoción dun turismo sustentable e de calidade, pero tamén como un medio cultural para o reforzo da identidade mariñeira e a cohesión social das comunidades ligadas ao mar.
As escavacións das salinas de A Guarda, puxeron de manifesto a importancia destas industrias ao aire libre para o Imperio Romano, á vez que se constatou que estas forman parte dun complexo máis amplo, considerado como o maior documentado desa época.
As Barferencias de Inverno continúarán o vindeiro día 11 de xaneiro ás 20:30 horas no Bodegón Os Seixiños, de A Gándara, co tema «Historia da Fábrica das Cachadas» a cargo do escritor e investigador rosaleiro Xoan Martínez Tamuxe.
Ningún comentario:
Publicar un comentario