28 de dec. de 2018

CULTURA

O Pontegal supera as 3.300 actuacións durante o exercicio 2018 e chega a todos os concellos da provincia 

O concello con máis solicitudes foi Vigo, con 455 actuacións concedidas, e no último posto sitúase Dozón con tan só unha actuación


Infogauda / Pontevedra

 Desde o ano 2016, a Deputación de Pontevedra vén colaborando cos concellos e coas asociacións sen ánimo de lucro para que contraten actuacións de grupos e artistas inscritos no programa Pontegal. Trátase de actuacións que abranguen un amplo abano de disciplinas que inclúe bandas de música, masas corais, grupos folclóricos, grupos de gaitas, agrupacións de música tradicional, compañías de teatro profesional ou afeccionado, conferenciantes, entre outros, co fin de contribuír a difundir e promover a música, o folclore, o teatro, a danza, o audiovisual e as demais manifestacións artísticas. Este programa é un dos máis solicitados por parte de concellos e asociacións para levar a cabo e/ou complementar as súas propostas culturais e neste ano 2018 o total de actuacións concedidas ascendeu a 3.314.  "Estamos vendo que este programa está tendo unha grande incidencia nos diferentes sectores da cultura, que contan cun sistema protocolarizado para chegar ás asociacións e aos concellos e ter actuacións por toda a provincia" asegura o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, ao respecto destes datos.  

 Por categoría de grupos, as máis solicitadas foron as Masas Corais (B) –as que teñen un mínimo de 30 membros- con 336 solicitudes, seguidas das Bandas de Música (B) –cun mínimo de 50 membros- con 241 solicitudes, e de compañías de Teatro (B) con 227 solicitudes. En número de solicitudes tamén destacan as Bandas de Música (A) –con máis de 65 membros e escola de música- con 192 solicitudes, e as Bandas de Música (C) – bandas de escolas de música oficiais- con 196.  No eido das actuacións musicais tamén foron moi demandadas as Charangas, con 181 solicitudes, os Grupos de Gaitas con 176, e as Pandeireteiras con 101. As actuacións de Animación Infantil contabilizaron 179 solicitudes, mentres que os espectáculos de Maxia 78, os e as Poetas 58, os Audiovisuais 47, e os conferenciantes 37. 

Total actuacións por comarcas  

 A comarca de Pontevedra contou cun total de 455 actuacións concedidas. Ás asociacións do radicadas no concello de Pontevedra corresponden 134; en Poio contabilizáronse 75; en Cerdedo-Cotobade 56; en A Lama 41; en Barro 42; en Vilaboa 40; en Campo Lameiro 33; e en Ponte Caldelas 30.  

 A comarca de Vigo contou con 970 actuacións concedidas. Ás entidades do concello de Vigo fóronlle concedidas un total de 455, sendo o concello que máis actuacións concedidas ao abeiro deste programa; en Gondomar concedéronse 94 actuacións; en Redondela 83; en Nigrán 72; en Mos 63; en Baiona 45; en O Porriño 41; en Salceda de Caselas 38; en Fornelos de Montes 30; en Pazos de Borbén 29; e en Soutomaior 20.  

 A comarca do Salnés contabilizou 414 actuacións. En Vilanova de Arousa foron 92 as actuacións concedidas; en Vilagarcía de Arousa 70; en Ribadumia 52; en Cambados 52; en O Grove 47; en Meis 36; en Sanxenxo 27; en Meaño 22; e en A Illa de Arousa 16. A comarca do Morrazo contou con 429 actuacións; correspondendo 149 a Moaña; 105 a Bueu; 103 a  Cangas; e 72 a Marín.  

 A comarca do Condado-Paradanta contabilizou un total de 324 actuacións. En Salvaterra de Miño concedéronse 75; en Ponteareas 72; en Arbo 45; en Mondariz 30; en As Neves 28; en Covelo 27; en A Cañiza 21; en Crecente 19; e en Mondariz-Balneario 7. 

 A comarca de Deza-Tabeirós Montes contou con 249 actuacións. En Lalín concedéronse 61 actuacións; en A Estrada 52; en Silleda 48; en Vila de Cruces 42; en Agolada 23; en Forcarei 14; en Rodeiro 8; e en Dozón 1. 

 A comarca de Caldas contou 229 actuacións. En Cuntis aprobáronse 66; en Valga 44; en Moraña 44; en Caldas 27; en Portas 18; en Pontecesures 16; e en Catoira 14. 

 A comarca do Baixo Miño contou con 248 actuacións. En Tomiño foron 61; en A Guarda 53; en Tui 47; en O Rosal 45; e en Oia 42.  

Pontegal 2019  

 Ata o 18 de xaneiro de 2019 permanece aberto o prazo para que os grupos e artistas poidan solicitar a súa inclusión no Pontegal 2019. Nesta nova edición, a principal novidade é que as solicitudes deben presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Deputación. Para a presentación das solicitudes, a sede electrónica da Deputación admite os certificados electrónicos do sistema Cl@ve e certificados electrónicos, incluído o DNI-e.  

 A adxudicación das actuacións apostará polo equilibrio territorial e pola diversificación das categorías no reparto dos fondos. Así, as máximas puntuacións para a adxudicación corresponden a actuacións encamiñadas á dinamización da lingua galega, con ata 30 puntos, e as incluídas en programas de carácter social, isto é, que aposten pola igualdade de xénero, tamén con ata 30 puntos. Os outros criterios que tamén se terán en conta serán o interese supramunicipal, con ata 20 puntos, a duración da actividade e o público destinatario, con ata 10 puntos.  

 Estes criterios tamén correspondencia co importe máximo que se establece na adxudicación das actividades, tendo en conta tres tramos: as actividades englobadas en programas de dinamización do galego poderán solicitar ata 1.600 euros por actividade; as actividades englobadas en programas de fomento da igualdade entre homes e mulleres e en eventos de carácter social con colectivos en risco de exclusión poderán solicitar ata 1.500 euros por actividade; mentres que o resto de actividades terán ata 1.200 euros por actividade.

Ningún comentario:

Publicar un comentario