A AGRUPACIÓN MUSICAL DE A GUARDA CELEBROU A FESTIVIDADE DE SANTA CECILIA
• Cun concerto na igrexa parroquial de Santa María de A Guarda
Banda de música da Agrupación Musical de A Guarda, dirixida por Víctor Luis Alonso Treinta
Fotos: Cedidas
Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda
A Agrupación Musical de A Guarda vén de celebrar o Concerto de santa Cecilia, patroa dos músicos, dos poetas e - xunto con santa Lucía -, das persoas invidentes. Foi este sábado día 23 de novembro, ás 17:00 horas, na igrexa parroquial de Santa María de A Guarda.
O concerto - presentado por David Álvarez Mariño, compoñente e presidente da Agrupación Musical de A Guarda, que agradeceu a colaboración do párroco Juan José González Estévez e do Concello de A Guarda - comezou coa actuación do Grupo de Iniciación, que dirixido polo profesor José Antonio Soutelo Muñoz, interpretou o seguinte programa:
• No llores por mi Argentina, de Andrew Lloyd Webber / Tim Rice.
• Circo del Sol, de René Dupéré / Benoit Jutras.
• The blues brothers revue, de Jay Bocoo.
• Un velero llamdo Libertad, de José Luis Perales.
A continuación tivo lugar o acto de benvida aos novos compoñentes da banda:
▪ Hugo Vicente (trombón de varas).
▪ Lucía Pacheco (trombón de varas).
▪ Roque Morán (bombardino).
▪ Diana González (trompa).
▪ Teresa Castro (clarinete).
Os novos compoñentes recibiron de mans doutro compañeiro - nalgúns casos, mesmo familiares -, cadansúa insignia da Agrupación Musical de A Guarda, pasando a formar parte da banda de música da entidade.
A continuación, logo do proceso de afinación dos instrumentos de vento-madeira e vento-metal, deu comezo a actuación da banda de música da Agrupación Musical de A Guarda.
Dirixida por Víctor Luis Alonso Treinta, a banda de música interpretou o seguinte programa:
• Cantata 147 “Xesús, alegría dos homes”, de Johann Sebastian Bach / Arranxos: Víctor Luis Alonso Treinta.
• A song for Japan, de Steven Verhelst / Arranxos: Tetsuya Watanabe.
• Oda á Alegría, de Ludwig Van Beethoven / Arranxos: Víctor Luis Alonso Treinta.
• Música i Poble, de Fernando Ferrer Ferrán.
• Afrikan Symphony, de Van McCoy / Arranxos: Naohiro Iwai.
• Vals da Suite de Jazz nº 2), de Dmitri Dmítrievich Shostakovich.
• Radetsky Marsch, de Johan Strauss (senior) / Arranxos: Aarón Fernández.
Queremos deixar constancia que previamente a interpretación dalgunhas das obras incluídas no programa do concerto, Víctor Luis Alonso Treinta fixo unhas breves introducións, entre as cales, queremos referirnos as verbas que pronunciou respecto aos danos producidos pola DANA do pasado 29 de outubro deste 2024, en varias decenas de municipios, que ademais dos importantes danos persoais e materiais, afectou tamén a varias agrupacións musicais do País Valencià.
Segundo un primeiro informe da Federación de Sociedades Musicais da Comunitat Valenciana (FSMCV), que cifra en 32 as agrupacións e en 30 as escolas de música afectadas; as inundacións destruíron arquivos das sociedades musicais, que nalgúns casos albergaban partituras centenarias, mentres que a comarca más afectada é a de L'Horta Sud, con 15 sociedades musicais damnificadas, más da metade das súas agrupacións.
Por outra parte, antes de dar por finalizado o concerto de santa Cecilia, o alcalde de A Guarda, Roberto José Álvarez Carrero, respondendo á invitación do presidente da Agrupación Musical de A Guarda, pronunciou unhas verbas, nas que puxo en valor o considerable esforzo das familias e dos integrantes da banda de música, e animou á industria, comercios e particulares, a apoiar a Agrupación Musical de A Guarda, para que poida adquirir máis instrumentos e continuar o magnífíco labor que vén realizando desde súa fundación.
O concerto concluíu sen que puidesen ser atendidas as peticións de algún bis, de parte do respetable público, toda vez que por imperativos de horarios de celebracións eclesiásticas non había marxe temporal para iso. É unha das consecuencias inevitables por carecermos - temos que insistir - dun auditorio municipal na vila de A Guarda.
En todo caso, foi un concerto que agradou as persoas asistentes, e que mesmo tivo momentos emotivos, como por exemplo no decurso da interpretación da Oda á Alegría, de Ludwig Van Beethoven.
Ningún comentario:
Publicar un comentario