21 de nov. de 2024

SALVATERRA DE MIÑO

A PESAR DA INTENSA CHOIVA PROSEGUEN AS ESCAVACIÓNS NA FOSA DE CABREIRA  


Hoxe, xoves 21, contra o final desta mañá chuviosa, os traballos arqueolóxicos permitiron enxergar os restos de dous esqueletos
Fotos: Santiago Baz Lomba

Helena Pousa * / Salvaterra de Miño

 Despois de varios días de escavación, os arqueólogos foron achegándose ao nivel onde supostamente deberían estar as 5 persoas que foron soterradas nunha mañá de outubro do 36 nunha fosa común. Estes homes paseados na noite do día 18, foron levados polos veciños de Salvaterra ao cemiterio de Cabreira para os enterrar dignamente en cadanseu caixón e para facerlles un velorio antes de botarlles a terra para cubrilos. É digno de louvanza que naqueles tempos tenebrosos os veciños se atrevesen a facerlles un enterramento digno nunha esquina do adro a 5 persoas descoñecidas, sen poderen comunicarllo ás súas familias. Hoxe é posible que grazas ao relato exacto de varias testemuñas que viron iso de nenos,  e explicaron cal era o lugar onde foran enterradas, as familias que descoñecían ata hai uns meses o seu paradoiro poidan recuperalos se as análises confirman as sospeitas de que son de Moaña.

 Grazas á intervención dun grupo interdisciplinar entre os que están HISTAGRA ((Historia Agraria e Política do Mundo Rural. Séculos XIX e XX) e o IMELGA (Instituto de Medicina Legal de Galicia), esta exhumación puido levarse adiante neste mes de novembro e hoxe, xoves 21, contra o final desta mañá chuviosa, os traballos arqueolóxicos permitiron enxergar os restos de dous esqueletos. Son moitos os indicios de que estes dous esqueletos encontrados poidan ser os de 2 dos 5 moañeses desaparecidos no mesmo día 18 no ano 36. Os datos encontrados no rexistro civil sobre eles dan moitas pistas de como eran fisicamente e como ían vestidos. Con eses datos poderase saber, máis adiante, e con máis seguridade, se algún destes cinco homes son familiares de dúas mulleres que xa teñen máis de 90 anos e das que xa se recolleron mostras de ADN para certificar cal pode ser seu pai. 

 Dous dos integrantes da Comisión pola Recuperación da Memoria do Baixo Miño, O Condado e A Louriña, Anxo López e Antón Lorenzo, están moi confiados de que a súas pescudas feitas por eles ao longo de varios anos en Salvaterra, sexan confirmadas grazas ás análises antropolóxicas e xenéticas.


Fernando Serrulla, médico especialista en Medicina Legal e Forense, cun grupo de alumnos do Ciclo formativo de Anatomía Patolóxica, que acudiron para observar in situ como se desenvolven os traballos dunha exhumación e tiveron a sorte de recibir unha clase maxistral 

 A escavación da fosa de Cabreira está a causar  moita expectación e ao lugar acode moita xente da contorna para ver como avanzan as investigacións. Hoxe foron un grupo de alumnos do Ciclo formativo de Anatomía Patolóxica para observar in situ como se desenvolven os traballos dunha exhumación e tiveron a sorte de recibir unha clase maxistral de don Fernando Serrulla, médico especialista en Medicina Legal e Forense, responsable doutras moitas investigacións ao longo da xeografía española como antropólogo forense encargado das análise dos restos óseos humanos. Todo un privilexio recibir aulas desta eminencia na materia.

* Presidenta da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Baixo Miño, O Condado e A Louriña.

Ningún comentario:

Publicar un comentario