30 de dec. de 2018

A GUARDA

HOMENAXE ÁS MULLERES INVISIBILIZADAS POLA REPRESIÓN FRANQUISTA

· Organizado polo C. S. Fuscalho,  tivo lugar este sábado día 29 de decembro de 2018


Vistas parciais dos asistentes a homenaxe  
Fotos: Santiago Baz Lomba


Infogauda / A Guarda

 Organizado polo Centro Social Fuscalho, este sábado día 29 de decembro de 2018 tivo lugar na nosa vila a III Homenaxe pola Memoria, que nesta edición estivo adicado ás invisibilizadas. Mulleres como Concha Andrés García, María das Auroras, Manuela Baz, Josefa García Segret,..., en representación de milleiros de mulleres que como elas, logo da sublevación militar contra o lexítimo Goberno da II República, sufriron na súa propia pel as consecuencias da barbarie franquista en todo o seu abano de humillacions e represions.

 O acto de homenaxe comezou minutos despois das 12:00 h., na Praza do Reló, onde Sheila Dorrego deu á benvida ás máis de medio cento de persoas de tódalas edades, que se congregaron nese lugar. Na súa intervención, dixo:

 "(...) Hoje queremos homenagear por terceiro ano consecutivo à memória. Essa que tanto se esquece. Vaia ironía... E nom falamos de calquer memória se non da memória da gente boa e generosa que fijo da súa vida unha andaina de dignidade e luita para ter um presente de paz e justiça.

 Desta volta, e já tocava, quigemos adicar a nossa pequena homenagem às mulheres. Essas que tanto sofrerom, das que tampouco se falou, e das que menos se escreveu nos libros de historia.

 Para isto, escolhemos a historia de 4 delas, que entendemos, representam mui bem o que significou a chegada do franquismo para todas as mulheres chamadas "rojas". Elas som: Manuela Baz, María das Auroras, Josefa García Segret e Concha. Todas elas tenhem umha historia comum; a da represom e humilhaçom franquista, e também umha historia pessoal comúm, já que 3 delas chegarom a viver juntas aquí o lado, como bem se explicará durante o percorrido da homenagem.

 Para este percorrido escolhemos 3 sitios, relacionados directamente com estas 4 mulheres. Um é esta praça onde começa e rematará o ato, outro á vivenda-tenda de Concha, e o outro a casa de María das Auroras, lugar emblema desta história que escolhemos para a homenagem de hoje (...)".

 Ademais de facer unha oportuna explicación pormenorizada da historia de cada unha das catro mulleres e de cada lugar vencellado a elas, os organizadores da homenaxe contaron coas intervencións da profesora Marisa Guerra e do poeta Francisco Álvarez Álvarez "Koki"; con Ramón Fernández Leal, caro amigo da historia e da memoria antifascista, e tamén con Tati e Kiko, que puxeron a súa voz e súa música, respectivamente, a esta sinxela, pero sentida homenaxe ás mulleres invisibilizadas e represaliadas polos  franquistas. 

 Deseguido, os participantes na homenaxe sairon en dirección a casa e comercio de Concha Andrés García, sita na rúa Vicente Sobrino. Alí Eva Luna Morano Uris e Lorena Diz, deron lectura unha sipnose da biografía de Concha salientando que "(...) Concha viuse arrastrada por esta barbarie franquista porque o seu marido, Taxota, alistado á forza no bando nacional como tantos outros, desertou ó bando republicano na fronte de Cartagena. No momento no que os franquistas da vila se enteraron deste suceso  fixeron pagar as consecuencias a Concha e a nai de Taxota. Foron trasladadas ó carcere de Tui facéndolles pagar incluso o traxecto do taxi. Non lles bastando con metela presa, foi partícipe de rapala como acostumaban facer estos miserentos.


Lorena Diz e Eva Luna Morano, diante da casa de Concha Andrés

 Unha vez alí, Concha demostrará a súa valentía unha vez máis, o longo da súa vida para axudar a outras mulleres presas. 

 Ca saída non remata a represión  sobre ela, xa que ademáis foi desterrada a Salvaterra xunto coa súa filla. Estes desterros, a modo de castigo, leváronse a cabo con certa frecuencia polos franquistas. Obligaban a estas mulleres  a comezar outra vida en lugares nos que non contaban con apoio, nin familiar nin económico, por motivos tan simples como dar asilo a familiares de presas, ou mostrar calquer tipo de solidariedade cas represaliadas.

 Esta muller incansable finou na Guarda o 14 de xaneiro de 2011. O seu corpo foi incinerado sen ningún tipo de cerimonia relixiosa.

 Nós queremos honrar a memoria de Concha, muller menuda pero de gran afouteza que moitos de vós recordaredes porque adoitaba pasear pola vila con un gorriño de lá para protexerse do frío xa que o cabelo nunca máis lle volvería a crecer, contaba ela, polos efectos da humidade do cárcere na pel e as penurias que lle fixeron pasar. Penurias que, lonxe de levala a afastarse da historia, fixérona estar presente en tódolos homenaxes á memoria histórica que puido, e tragar as bágoas  para contar o seu testemuño e que chegara ata nós para non ser esquecido".


Marisa Guerra 
Francisco Álvarez "Koki"

 Logo desas verbas pronunciadas por Eva Luna Morano e Lorena Diz, Marisa Guerra recitou o poema "Ámote vermella", de Claudio Rodríguez Fer, e Francisco Álvarez "Koki" recitou o poema "Coitelos", da súa autoría, incluído no poemario "A memoria das palabras".

 E continuando o percorrido previsto, tódolos participantes voltaron sobor dos seus pasos, para dirixirse a rúa Antonio Alonso, e deterse diante da casa onde estivo a vivenda de María das Auroras, cuxa lembranza queda patente na praca de mármore branco e letras de cor negra, en relevo, na que pode lerse á seguinte adicatoria:


A María Das Auroras
E a todas as mulheres  
que sofreron a barbarie
franquista

2018 C. S. Fuscalho

   De María Das Auroras, Lorena Diz e Eva Luna Morano, dixeron: "Estamos diante da casa de María das Auroras. Puxemos aquí a placa xa que é o fío condutor  de toda a historia que contamos hoxe. Nesta casa, xunto con María das Auroras e a súa nai viviron Manuela [Baz] e Josefa [García Segret], as dúas mulleres que nos faltaban por citar. Fixo da súa casa un fogar para aquelas que eran evitadas polas rúas, ás que a marexada de ferocidade que se viviu na Vila naqueles días deixou sen nada. Facendo uso do termo sororidade, sen saber sequera da súa existencia, teceron unha rede de apoio mutuo entre mulleres naqueles tempos (...)".  

Concentración diante da casa de María das Auroras

 E nese lugar houbo unha lembranza a Josefa García Segret, mestra, esposa de Hipólito Gallego Camarero, líder agrarista e dirixente de Izquierda Republicana, que foi torturado no cárcere de Tui, e posteriormente executado -xunto con Franscisco Rodríguez Otero, de Figueiró (Tomiño), esposo de Isaura Gómez -, polos falanxistas, e seus corpos foron tirados na vía pública, na entrada de Mondariz.

 Josefa García Segret pasou un calvario, máis estando presa no cárcere de Tui, salvou súa vida grazas a axuda do médico forense José Abraldes, nun primeiro intre, e posteriormente do doutor Darío Álvarez Blázquez, finxindo un embarazo de catro meses, e despois simular un aborto sen feto, no que colabouraron outras presas que aportaron panos con sangue menstrual.

 Josefa García, que fora condeada a morte, e posteriormente foille conmutada a pena por cadea perpetua, tamén estivo presa en Saturrarán de onde saiu en marzo de 1944. É autora de libro "Abajo las dictaduras" (1982).

  En homenaxe a esas mulleres loitadoras, Marisa Guerra recitou o poema "A xusticia pó-l-a man", de Rosalía de Castro.

 E voltando novamente a Praza do Reló, houbo unha actuación de Tati e Kiko, como limiar da magnífica lección de memoria histórica que pronunciou Ramón Fernández Leal, quen ademáis agradeceu "o C. S. Fuscalho que organice actos como este", e relembrou que as veces escoitamos frases que nos din "hai que esquecer", "iso é pasado", "vivir o presente", e afirmou: "A memoria non é pasado, é coma lembramos o pasado. 


Ramón Fernández Leal na súa intervención

 O esquecemento é un trastorno psicolóxico, unha enfermidade".

 E citando o cineasta José Luis Cuerda, que adoitou vivir en Galicia, mencionou as verbas presente, pasado e futuro, para decir: "O que sabemos é o que lembramos. 

 A historia oficial está escrita polo bando vencedor. 

 No noso país non houbo guerra, houbo represión. 

 Non cantamos para esquecer, cantamos para lembrar".

 Por outra banda, citando á época coñecida como "transición", dixo: "Mudar algo para que nada cambie".

 Tamén referiu unha imaxe de outubro de 1975, no que aparecen Franco co príncipe Juan Carlos, decindo que  a diferenza doutros dictadores (Mussolini, Hitler, Caetano, Somoza,..) Franco morreu na cama, e un mes antes, asinou sentenzas de morte, entre elas a de dous mozos galegos.

 Ramón F. Leal relembrou que "non houbo xuizos a torturadores nin a xuices (...)".

 Tamén referiu que "(...) o chamado Billy el Niño, torturou na dictadura e seguiu  torturando na democracia.

 No Estado español hai tortura, denunciada ano sí, ano tamén, por organismos internacionais. 

 Pecharon periódicos, radios, revistas,... Ingresaron na cadea numerosas persoas por motivos ideolóxicos. Piden anos de cadea por participar en piquetes nas folgas,...

 En 2017, o español foi o Estado que máis artistas enviou a cadea no mundo.

 Ainda hai monumentos dedicados a fascistas, como en Tui, a Calvo Sotelo. Como estivo o de Franco no Ferrol e o de Millán Astray, ata hai ben pouco na Coruña.

 Pero aquí estamos nos, logo das represions, resistentes, herdeiros/as da resistencia ao franquismo. Temos unha ferramenta que cando a empregamos, amosou que é invencible: á unidade, que tantas veces se confunde coa unanimidade. Unirnos polo que nos une, non separarnos polas diverxencias. Hai que traballar a intersección, os camiños que transitamos xuntas.

 Loitar contra o fascismo é un deses espazos que compartiremos.

  Venceremos.

  Fascismo nunca máis."

 Logo da intervención de Ramón Fernández Leal, novamente interviría Marisa Guerra que recitou o poema "Balada das costureiras esquecidas", incluido no poemario "Acuática Alma", de Marta Dacosta.

 E deseguido corresponderíalle o turno a Francisco Álvarez "Koki", que deu lectura o poema "Tempo da memoria", incluído no seu poemario "A memoria das palabras".

 Xa no tramo final do acto, o profesor Ramón F. Leal faría unha nova intervención, moi didáctica, indicando os nomes de varias empresas de diferentes actividades productivas (ascensores, automóvil, electrodomésticos, químicas,...) que apoiaron a gobernos non democráticos, tanto en América coma en Europa, e mesmo empregaron man de obra de prisioneiros, como os xudíos que foron despoxados dos seus bens, e foron utilizados como cobaias humanas por unha coñecida multinacional do sector químico.


Tati e Kiko nun intre da súa actuación

 Finalmente, cando eran ás 13:20 horas, unha nova actuación do dúo Tati e Kiko, poría broche tricolor a homenaxe as mulleres invisibilizadas e represaliadas polo franquismo.

 Foi a constatación de que na mocidade está garantida a transmisión da memoria histórica.

GALERÍA DE FOTOGRAFÍAS DA AUTORÍA DE SANTIAGO BAZ LOMBA

Ningún comentario:

Publicar un comentario