11 de dec. de 2018

A GUARDA

CULTURA MARÍTIMA

Piueiro fai navegar pola rede o encontro de embarcacións tradicionais e ultima a recuperación dun  volanteiro   

• A construción desta embarcación tradicional é un dos  primeiros pasos do Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia do próximo mes de xullo en A Guarda  

A web www.encontroaguarda.com xa está operativa con información do evento e de turismo da zona    


As imaxes reflicten dúas perspectivas da fase constructiva do volanteiro de A Guarda

Infogauda / A Guarda

 Cunha mestura perfecta de modernidade e tradición, a Asociación Cultural de Embarcacións Tradicionais de A Guarda Piueiro traballa a reo na organización do Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia que se desenvolverá no próximo mes de xullo na localidade do Baixo Miño. E nesas tarefas ven de acadar dous grandes fitos: a posta en marcha da páxina web e a avanzada construcción dun volanteiro. 

 Tendo coma premisa básica a posibilidade de xunguir de xeito natural a recuperación da importante tradición marítima de A Guarda coa tarefa de dala a coñecer a través dos medios máis actuais, Piueiro ten moi avanzada a construcción dun volanteiro, unha embarcación da que se teñen referencias dende o século XVII, que viviu o seu momento de maior pulo no XIX e que desapareceu a comezos do XX pola aparición dos arrastreiros.

 Na tarefa de revivir este maxestuoso barco céntrase Piueiro nos estaleiros El Pasaje, que encabeza a un amplo grupo de colaboradores que acadan a veintena: Astilleros Armón, Abanca, Murimar Seguros, Grupo Botas, Cabomar, Copemar S.A., Espaderos del Atlántico, Carbopesca-Pescadores de Carboneras, Asociación de Armadores de Marín-Opromar, MTD (Marine Technology Development), Zodport-Salvamento Marítimo Profesional, Inxenia Desarrollos Tecnolóxicos, Aserport Consignatarios, Cadilla C.B., Torres y Gago Lda., Antonio Elías Rodríguez e as Comunidade de Montes Veciñais en Mán Común de A Guarda, Salcidos e Camposancos. Unha tarefa conxunta que amosa a implicación da sociedade galega, e mesmo andaluza, na recuperación do seu pasado. 

 Pero de pouco serviría toda esta labor se non trae consigo a súa divulgación. Nela terá un papel trascendental o devandito Encontro de Embarcación Tradicionais de Galicia que Culturmar otorgou a Piueiro de cara ó próximo mes de xullo. Un acto que vai moito máis aló dos seus catro días de celebración  e que xa ten en marcha actividades previas. Entre elas, a recente posta en marcha da páxina web, na que, dun xeito sinxelo e moi visual, pódese acadar toda a información precisa do encontro, xa sexa para persoas interesadas en inscribirse nel como para aquelas que so queiran acudir coma visitantes. O público pode coñecer non so o propio encontro, senón que tamén pode acadar información turística de A Guarda.

Ningún comentario:

Publicar un comentario