2 de nov. de 2018

VAL MIÑOR

O obradoiro de emprego Valmiemprega formará a 20 desempregados do Val Miñor en promoción turística local e deseño gráfico 

O delegado territorial, Ignacio López-Chaves, inaugurou hoxe este taller animando ao alumnado a “aproveitar a oportunidade de formarse e acceder a un traballo”

O Goberno galego inviste máis de 2 millóns de euros na posta en marcha de sete obradoiros duais na área de Vigo para formar a 140 desempreagados  

Vigo, Gondomar, Baiona, Nigrán, Redondela, Mos, Soutomaior, Pazos de Borbén, Cangas e o Moaña benefícianse destes programas, que contan cun período de formación de nove meses e un contrato laboral posterior de alomenos 3 meses  

Asemade, concedéronse 6 específicos para menores de 30 anos a través do Sistema de Garantía Xuvenil co obxectivo de impulsar o emprego entre a mocidade  

A Xunta mantén o seu compromiso cunha formación adaptada aos novos perfís profesionais e ás demandas reais do tecido empresarial e está a investir, neste 2018, 135 millóns de euros tanto en cualificación como en orientación

O delegado da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, achegouse hoxe ata o Centro Neural de Gondomar para darlles a benvida aos 20 alumnos e alumnas que este venres inician a súa formación no Valmiemprega

Infogauda / Gondomar

 O delegado da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, achegouse hoxe ata o Centro Neural de Gondomar para darlles a benvida aos 20 alumnos e alumnas que este venres inician a súa formación no Valmiemprega, o obradoiro de emprego promovido pola Consellería de Economía, Emprego e Industria en colaboración cos concellos mancomunados do Val Miñor.  

 O representante autonómico, quen estivo acompañado polos alcaldes de Gondomar, Francisco Ferreira, Baiona, Ángel Rodal, e Nigrán, Juan González, puxo en valor o ambicioso obxectivo da carteira autonómica cunha nova programación de obradoiros, 105 na convocatoria 2018-2019, que busca impulsar a empregabilidade de 2000 persoas en Galicia, incrementando nun 25% os fondos destinados a este programa.  

 López-Chaves animou ao alumnado destes talleres a “aproveitar ao máximo a oportunidade que se lles brinda e formarse para acceder a un posto de traballo” e especial fincapé fixo no esforzo inversor do Goberno galego a prol do fomento do emprego, destacando os 135 millóns de investimento en medidas centradas na orientación e na cualificación para favorecer o acceso dos galegos e galegas ao mercado laboral.  

 Respecto ao Valmiemprega, a Administración autonómica destina a este taller, no que se formarán 20 desempregados en promoción turística local e información ao visitante e deseño gráfico e multimedia, preto de 290.000 euros. Entre as propostas, figuran o deseño gráfico para a comunicación da comarca e o desenvolvemento do potencial turístico do Val Miñor.  

 No que atinxe á área de Vigo, o Goberno galego inviste máis de 2 millóns de euros na posta en marcha de sete obradoiros duais para aumentar as oportunidades laborais de 140 desempregados. Uns programas a través dos que os beneficiarios contaran cun período de formación de nove meses coa posibilidade de optar a un contrato laboral posterior de alomenos outros tres meses.  

 En concreto, son beneficiarios desta iniciativa xunto con Gondomar, Baiona e Nigrán (Valmiemprega), Vigo (Vigo Capacita V), Mos (Mos Rehabilita), Soutomaior e Pazos de Borbén (Hostalería Río Pequeno), Redondela (Redondela Vila Bela II), Moaña (Moaña Labora III) e Cangas (Granxa da Rúa VIII).  

Sistema de Garantía Xuvenil 

 A maiores dos sete obradoiros xerais, aprobáronse outros 6 específicos para menores de 30 anos con Vigo (Formaweb e Maiv-Garantía Xuvenil), Mos (Mos coa Mocidade II), Moaña (O. E. Moaña Moza), Redondela (Redemprega) e O Porriño (Porriño Social) como concellos promotores. O número de alumnos é de 16 en todos os casos e a duración da formación e emprego de 6 meses. A Xunta destina a estes obradoiros máis dun millón de euros.  

Novidades dos obradoiros duais 

 Ata o de agora, os obradoiros de emprego ofrecían ás persoas sen traballo cualificación e un contrato de aprendizaxe durante 9 meses. Agora, ademais, a Xunta apoiará a contratación, como mínimo de 3 meses e a xornada completa, nunha empresa, onde os alumnos e alumnas do obradoiro poderán realizar as súas prácticas. A actuación do Goberno galego combina, polo tanto, a formación co desenvolvemento dun traballo efectivo, xa que as persoas beneficiarias disporán dun contrato de traballo e percibirán un salario durante a súa participación nesta actividade.  

 Outra das novidades desta convocatoria de axudas é que puideron concorrer ás mesmas non só os concellos (entre os que se deu prioridade aos concellos emprendedores como Redondela e Mos no caso da área de Vigo), asociacións de entidades locais e mancomunidades, senón tamén entidades sen ánimo de lucro do sector forestal constituídas e rexistradas como asociacións. Así mesmo, a través da participación neste programa, os alumnos e alumnas seguirán recibindo, ao remate da formación, un certificado de profesionalidade con validez en todo o Estado.

Ningún comentario:

Publicar un comentario