22 de nov. de 2018

PONTEVEDRA

Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra, asinou proxectos con alcaldesas e alcaldes de 21 concellos dos 31 beneficiarios do Plan DepoRemse

A presidenta da Deputación de Pontevedra cos representantes municipais de Moaña, Cangas, Bueu, Moraña, Barro, Poio, Campo Lameiro, As Neves, Salvaterra de Miño, A Cañiza, Crecente, Covelo, Ponteareas, Silleda, Vila de Cruces, Fornelos de Montes, Baiona, A Guarda, Ribadumia, A Illa de Arousa e Catoira
Foto: D. PO. 

Infogauda / Pontevedra

 A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva Rego, asinou esta mañá, no Pazo Provincial, con alcaldesas e alcaldes de Moaña, Cangas, Bueu, Moraña, Barro, Poio, Campo Lameiro, As Neves, Salvaterra de Miño, A Cañiza, Crecente, Covelo, Ponteareas, Silleda, Vila de Cruces, Fornelos de Montes, Baiona, A Guarda, Ribadumia, A Illa de Arousa e Catoira os convenios de colaboración para a execución e financiación dos proxectos beneficiarios do Plan de Remodelación e Mellora da Seguridade dos Viarios Municipais (DepoRemse). Os demás concellos beneficiarios do Plan DepoRemse, asinarán os seus respectivos convenios nos próximos días.  

 En Moaña e en Cangas vaise executar o mesmo proxecto de implantación do eixo de mobilidade amable e segura de interconexión dos centros urbanos de Moaña e Cangas. En Moaña, o orzamento global é de 525.000 euros, dos que a Deputación achega 488.750 euros e o municipio a cantidade restante. No caso de Cangas, o proxecto ten un investimento total de 600.000 euros, para os que o Goberno provincial dispón 480.000 euros. Na sinatura dos convenios, a presidenta Silva salientou e felicitou a estes dous municipios por ter "a capacidade para presentar proxectos conxuntos e que son capaces de crear sinerxías entre municipios do mesmo entorno". Pola súa parte, en Bueu acometerase a reurbanización integral da Rúa A Pedra, que conta cun orzamento total de 416.108,59 euros, para os que a Deputación pon 353.692 euros.  

 O proxecto que se vai financiar en Moraña, a través do Plan, consiste na mellora da mobilidade viaria no entorno dos centros culturais e educativos de Chan de Amil, que ten un orzamento global de 253.013,48 euros, dos que a Deputación achega 227.712 euros e o municipio a cantidade restante.  En Barro vaise mellorar a seguridade viaria en distintos lugares do concello, cun investimento total de 71.792,04 euros, dos que o Goberno provincial financia 68.202 euros.  

 En Poio acometerase unha actuación integral de mellora da mobilidade e da seguranza viaria na contorna dos centros de elevada atracción da Seara, para o que a Deputación aporta 500.000 euros nun proxecto total de 588.794,87 euros. O concello de Campo Lameiro vai realizar a peonalización da rúa José Antonio e conexión entre a Casa Consistorial e a barriada Chanciña, que conta cun orzamento global de 386.964,19 euros, dos que o Goberno provincial dispón 348.267,77 euros.  

 O proxecto que se vai financiar nas Neves, a través do Plan DepoRemse, consiste na mellora da seguridade da mobilidade e seguranza viaria na rúa Rosalía de Castro e a súa contorna, que ascende a 365.194,66 euros, dos que a Deputación achega 328.675 euros. En Salvaterra de Miño vaise executar a mellora da seguridade viaria mediante pasos peonís sobreelevados en vías do concello, para o que o Goberno provincial dispón 169.352 euros para un proxecto total de 178.265,5 euros.  

 Na Cañiza acometerase a mellora da seguridade viaria e humanización do entorno do CPI do municipio, por valor de 107.647,15 euros, dos que a Deputación inviste 96.882 euros. O concello de Crecente vai executar a mellora integral de mobilidade e accesibilidade nos accesos ao CPI, á residencia da terceira idade, ao centro de saúde e outros. É un proxecto global que conta cun orzamento de 500.000 euros, dos que a institución provincial pon 450.000 euros.

 A través do DepoRemse, en Covelo procederase á mellora da seguridade dos viarios municipais, por valor de 91.323,46 euros, dos que a Deputación aporta 86.757 euros. En Ponteareas vaise executar a reordenación e integración urbana da contorna da piscina e do centro deportivo municipal (complexo deportivo Álvaro Pino) e a mellora da accesibilidade ao Centro de Saúde e espazos públicos anexos. A Deputación achega 421.291 euros dun total de 526.614,11 euros.  

 O proxecto que se vai financiar en Silleda, a través do Plan DepoRemse, consiste na mellora da mobilidade e seguridade viaria no entorno do centro de saúde e do centro social de maiores, cun orzamento global de 498.391,68 euros, dos que a Deputación achega 448.552 euros e o municipio a cantidade restante. En Vila de Cruces executarase unha actuación integral de mellora da mobilidade e da seguranza viaria na contorna do CEIP, gardería e polideportivo municipais. A Deputación pon 435.835 euros para un proxecto global de 484.261,61 euros. 

 O proxecto que se vai financiar en Fornelos de Montes, a través do Plan DepoRemse, consiste na remodelación e dotación da Praza da Igrexa e rúas das Escolas, cun orzamento global de 499.987,79 euros, dos que a Deputación achega 449.989 euros e o municipio a cantidade restante. En Baiona executarase a mellora da mobilidade e seguridade viaria na Rúa Real Sabarís, por valor de 341.319,18 euros, dos que o Goberno provincial financia 290.121 euros.  

 O proxecto que se vai financiar na Guarda, a través do Plan DepoRemse, consiste na mellora da mobilidade e seguridade no entorno da Rúa Vigo e Celta. Ten un custo total de 588.235,29 euros, dos que a Deputación achega 500.000 euros.  

 O proxecto que se vai financiar Ribadumia acometerá a mellora da seguridade viaria nos accesos á gardería municipal, ao CPI Julia Becerra, ao pavillón polideportivo e ao campo de fútbol da Bouza. Cun orzamento de 186.644,41 euros, a Deputación pon 167.979 euros. O concello da Illa de Arousa vai executar a reforma do entorno do Centro de Saúde para unha mobilidade sustentable, cun orzamento global de 500.000 euros, dos que o Goberno provincial dispón 450.000 euros. A través do DepoRemse, en Catoira procederase á mellora da seguridade dos viarios municipais das parroquias de Abalo, Catoira e Dimo, por valor de 484.224,76 euros, dos que a Deputación aporta 435.802 euros.  

 En total, o Plan de Remodelación e Mellora da Seguridade dos Viarios Municipais (DepoRemse) beneficia a 31 concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes, cun investimento de 11 millóns de euros. A través de DepoRemse, a Deputación impulsa proxectos que van permitir aos concellos remodelar rúas e viarios a fin de facilitar a comunicación entre espazos de emprego e de uso social, sanitario ou educativo, así como mellorar aqueles trazados que soportan unha alta densidade de tráfico tanto peonil como rodado. Trátase dun novo instrumento de cooperación entre a institución provincial e os concellos que busca unha mobilidade sostible que dea prioridade á seguranza e á mobilidade peonil nas infraestruturas viarias. 

 Na sinatura dos convenios de colaboración, a presidenta recoñeceu o esforzo dos concellos da provincia por recuperar os espazos públicos para as persoas e de aí que o Plan DepoRemse vaia contribuír a este obxectivo, "logrando que os vehículos non ocupen o primeiro lugar nos nosos pobos e vilas e as persoas pasen a ser a prioridade". Carmela Silva aproveitou ademais o acto de hoxe para demandar que os procedementos administrativos para poder levar adiante os proxectos "sexan cada vez máis áxiles, menos gravosos e menos complicados, xa que non só é algo que afecta ao desenvolvemento dos proxectos, senón tamén á súa execución".

Ningún comentario:

Publicar un comentario