A Deputación de Pontevedra acolle a asemblea estatal da Ruta dos Fenicios
· Carmela Silva, e o presidente da Ruta, Arturo Ruiz, inauguraron a exposición "coa que o Pazo énchese de cultura, patrimonio e polo tanto de sorrisos e positivismo"
A inauguración desta mostra foi unha das actividades complementarias que rodean a Asemblea Estatal da Ruta dos Fenicios, que está a acoller a Deputación de Pontevedra
Foto: D.PO.
Infogauda / Pontevedra
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva Rego, xunto a Arturo Ruiz Rodríguez, presidente da asociación española da Ruta dos Fenicios, inaugurou hoxe a exposición divulgativa sobre dita ruta que acolle o hall do Pazo Provincial ata o vindeiro 15 de decembro. No acto tamén estiveron presentes Antonio Barone, director do itinerario cultural "Rotta dei Fenici", e Santos Héctor, deputado de Turismo, que tamén asistiron no Pazo Provincial á Asemblea Estatal da Ruta dos Fenicios, que rematará este venres.
No acto, Carmela Silva destacou que Pontevedra fose o punto de partida desta exposición que "encherá o Pazo Provincial de cultura, de patrimonio e polo tanto de sorrisos e positivismo, recordando a grandeza da historia da humanidade". Tamén subliñou que "valoramos moito acoller a mostra porque con ela aprendemos máis acerca do noso patrimonio, explicando que é fundamental que sigamos relacionándonos as diferentes culturas, pois é a pluralidade a que nos fai grandes". Silva apuntou que "durante demasiado tempo o Atlántico foi un descoñecido desde o punto de vista cultural, pois só o Mediterráneo tiña recoñecemento" e que "grazas aos traballos de arqueoloxía puidemos estudar e analizar a verdade do noso patrimonio, cunha cultura propia que relacionábase coas diferentes culturas do Mediterráneo e demostrar que os fenicios deixaron a súa pegada nas Rías Baixas, o cal queremos poñer en valor".
Arturo Ruiz, presidente da asociación española da Ruta dos Fenicios explicou que "esta exposición vai permitir que se divulgue o patrimonio común que une aos socios da Ruta dos Fenicios". Sobre Pontevedra, Arturo Ruiz recoñeceu que "cando esta provincia pediu a entrada na Ruta dos Fenicios fun rapidamente a buscar o motivo e realmente fíxome ver que a pegada dos Fenicios vai moito máis aló do Mediterráneo". Pola súa banda, Antonio Barone, director do itinerario cultural "Rotta dei Fenici", sinalou que "o turismo cultural é cada día máis importante e por iso congratúlame ver como está crecendo esta rede de la Ruta de los Fenicios e poder comprobalo aquí en Pontevedra".
A exposición está formada por un total de 13 estruturas e consiste nunha mostra explicativa e introdutoria coa finalidade de achegar á poboación este itinerario cultural europeo tan complexo e con tantas potencialidades desde o punto de vista cultural e turístico. Nos paneis que conforman a exposición poderase observar un mapa indicativo da ruta e interesantes imaxes de puntos de interese no destino de cada socio. Na mostra están representadas, amais das Rías Baixas, Empúries, Palma, Eivissa, Castellón, Sagunto, Guardamar do Segura, Cartagena, Mazarrón, Galera, a Universidade de Xaén, Cuevas del Almanzora, Linares, Mengíbar, a Deputación de Xaén, Melilla, Baena, Chiclana e Cádiz.
A inauguración desta mostra foi unha das actividades complementarias que rodean a Asemblea Estatal da Ruta dos Fenicios, que está a acoller a Deputación de Pontevedra desde este xoves 22 de novembro. Este encontro arrancou cunha sesión de traballo na que só participaron os socios da ruta e foi presidida polo deputado provincial de Turismo, Santos Héctor, e alongarase ata mañá venres 23 de novembro, cando terá lugar un encontro aberto ao público no que realizaranse conferencias e mesas redondas sobre a Ruta, sobre o programa de itinerarios culturais europeos do Consello de Europa e sobre rutas como a dos Íberos, o Camino de Anibal e a Ruta das Cassitérides. Amais, a Deputación de Pontevedra organizou para as persoas asistentes unha orixinal comida fenicia elaborada polo Centro Carlos Oroza. Nela puideron saborear un surtido de afumados, unha ensalada mediterránea, hummus con falafel e "Malfulf".
A Ruta dos Fenicios é un itinerario cultural internacional, recoñecido polo Consello de Europa, que atravesa 18 países e une tres continentes, conectando as grandes rutas marítimas empregadas pola civilización fenicia, un camiño para abastecerse de estaño na antigüidade e que podería non estar localizado nas illas británicas (como se pensaba ata o de agora) senón nas Rías Baixas. A Deputación pertence a esta rede estatal tras ter descuberto restos fenicios e púnicos e documentalos nos xacementos de Monte do Castro (Ribadumia), A Lanzada (Sanxenxo), Monte do Facho (Cangas) e Punta do Muíño do Vento (Vigo), sendo o territorio máis meridional da Ruta, ademais de ser o primeiro alleo ao Mediterráneo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario