22 de nov. de 2018

TOMIÑO

MEMORIA

Chega a Tomiño a mostra que recolle a represión sobre as mulleres da provincia durante o franquismo 

‘Rexas. Mulleres baixo o terror franquista' pode visitarse no Mercado ata o 9 de decembro

A mostra vén de ser aberta nun acto que contou coa presenza do deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, con boa parte dos concelleiros e concelleiras da localidade, coa alcaldesa Sandra González, e coa comisaria da mostra, Montse Fajardo
Foto: D. PO.

Infogauda / Tomiño

 Ata o 9 de decembro a planta superior do Mercado de Tomiño acolle a mostra "Rexas. Mulleres baixo o terror franquista". Esta mostra, organizada pola Deputación, pretende reparar ás vítimas do Alzamento do 1936, e poñerlle rostro e nome a 172 pontevedresas que foron perseguidas, asasinadas, encarceradas e que, ademais, por mor da súa condición de mulleres, foron obxecto de vexacións de corte sexista. A mostra vén de ser aberta nun acto que contou coa presenza do deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, con boa parte dos concelleiros e concelleiras da localidade, coa alcaldesa Sandra González, e coa comisaria da mostra, Montse Fajardo.  

 Xosé Leal explicou que "recuperar as historias das mulleres represaliadas é un acto de xustiza para o colectivo habitualmente menos lembrado" e asegurou "que a violencia exercida sobre as mulleres durante o fascismo foi en realidade a violencia de xénero máis extrema". Pola súa banda, a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, centrouse na importancia de dar a coñecer este tipo de historias, nun percorrido e nun formato accesible para todo tipo de públicos, e nun espazo polo que transitan habitualmente un bo número de persoas. A comisaria da exposición, Montse Fajardo centrouse en explicar que as mulleres foron asasinadas, exiliadas, depuradas, vexadas, e foron vítimas das mesmas tipoloxías de represión que os homes pero que ademais sufriron unha violencia con claros tintes sexistas e foron rapadas, tatuadas e agredidas sexualmente.  

Mulleres represaliadas no Baixo Miño  

 A mostra Rexas recolle ademais a historia dunha ducia de mulleres do Baixo Miño. Un exemplo é a historia da tomiñesa Isaura Gómez Pérez, que tras o asasinato do seu home, o líder agrarista Paco de Figueiró, se converteu nun apoio esencial para fuxidos como o deputado Antón Alonso Ríos, para presas como a súa amiga Josefa García Segret, que tamén está presente mostra, ou para as familias perseguidas como a Domínguez Pacheco. Ángel e Antonio Domínguez Pacheco foron asasinados e a súa nai María da Luz Pacheco pasou sete meses no cárcere a pesar da súa idade avanzada. O home da súa filla Lola, o famoso fuxido Xoán Noya Gil, foi outra das persoas que recibiron a axuda de Isaura.

 Tamén desta comarca era Evangelina Jaso, que foi fusilada na Alameda de Tui o 24 de abril de 1937 por agochar fuxidos. Os fascistas xa asasinaran pouco despois do golpe, en agosto de 1936,  o seu home, José Alonso, o Negro; o seu pai, Enrique Jaso Paz e o seu irmán Enrique, de vinte anos. Tamén asasinaron aos tres fuxidos aos que daba acubillo. Ademais da familia Jaso, a mostra tamén recolle os Fernández Miniño que estaban emparentados cunha das familias da contorna ás que homenaxea Rexas: os Francés. Os fascistas mataron aos irmáns Antonio, José e Eleazar Francés Carpintero e raparon as súas irmás Josefa e Asunción, que ademais estivo presa en Saturrarán tras participar nas barricadas de Teis. Tamén raparon a viúva de Eleazar, Loreto Pereiro. E á viúva de José, Elena Valverde, matáronlle ao seu irmán Víctor e coa mágoa a súa muller, Emilia Rodríguez Sequeiros abortou.  

 Outras mulleres solidarias ás que homenaxea Rexas foron Rufina Domínguez Trigo, a quen o fascismo desterrou a Castro Caldelas ademais de requisarlle e queimarlle parte da súa biblioteca, ou María Santiago, nai do alcalde republicano de Tui, Guillermo Vicente, ao que agochou na adega ata que unha enfermidade llo arrebatou. Entón enterrouno ás agachadas coas súas propias mans. 

A historia de 172 mulleres  

 A exposición conta as historias de 172 mulleres a través de 78 fotografías. Está dividida en tres bloques, sendo o primeiro o da contextualización histórica, que conta que o golpe de Estado supuxo unha quebra dos dereitos da República tanto no relativo ás clases como dende o punto de vista das mulleres, que despois pasaron a ser tuteladas por varón, igrexa ou a sección feminina. A segunda parte da exposición, a máis longa, analiza as diferentes tipoloxías de represión e mostra que, a pesares de que as cifras amosan que os homes son maioría nas listaxes de vítimas, as mulleres non só padeceron as mesmas tipoloxías de represión ca eles, senón que ademais foron obxecto de vexacións de corte sexista aplicadas non só a aquelas cidadás significadas política ou sindicalmente, senón tamén ás familiares de homes perseguidos: foron rapadas, agredidas sexualmente, tatuadas, arrastradas con cordas ou obrigadas a bailar espidas diante da xente. Finalmente, a terceira e última parte da mostra dedícase a recoñecer o labor solidario e resistente das mulleres, o seu apoio imprescindíbel á guerrilla, aos fuxidos, á xente presa e ás súas familias, ás viúvas e criaturas orfas, así como o seu protagonismo na transmisión da memoria. "


Ningún comentario:

Publicar un comentario