22 de nov. de 2018

OURENSE

Política Lingüística participa na homenaxe a Saco Arce no 150º aniversario da súa ‘Gramática gallega’ 

· Valentín García interveu hoxe ao mediodía na inauguración da exposición ‘150 aniversario da gramática gallega de J. Antonio Saco Arce’, organizada pola RAG coa colaboración da secretaría que el dirixe

· A lembranza deste primeiro traballo, elaborado con criterios científicos, completouse cun acto do Seminario de Gramática da RAG aberto ao público

Valentín García interveu hoxe ao mediodía na inauguración da exposición 150 aniversario da Gramática gallega de J. Antonio Saco Arce

Infogauda / Ourense

 O Rexurdimento do galego no século XIX non foi só literario. En 1868 saíu do prelo de Soto Freire, o mesmo que publicara cinco anos antes os Cantares gallegos de Rosalía de Castro, a primeira gramática galega elaborada con criterios científicos, da autoría de Juan Antonio Saco e Arce. A Real Academia Galega (RAG), co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Deputación de Ourense, quere recordar esta efeméride e renderlle homenaxe a un dos pais da lingüística galega. Con este fin, esta mañá inaugurouse no IES Otero Pedrayo da Cidade das Burgas a exposición 150 aniversario da Gramática gallega de J. Antonio Saco Arce, froito da colaboración entre as tres institucións mencionadas.  

 Valentín García participou neste acto inaugural, onde fixo fincapé nos motivos que, segundo declara o propio autor no prólogo, levaron a Saco Arce a elaborar unha gramática da lingua galega: “a defensa da fala de Galicia, que el vía menosprezada”. Neste sentido, o secretario xeral de Política Lingüística considerou que “a gramática de Saco non foi importante unicamente desde o punto de vista científico, senón que tivo un papel prestixiador do idioma importantísimo, pois moitos daquela aínda consideraban o galego unha fala de segunda, sen verdadeiras normas que se puidesen sistematizar”. Por iso, concluíu o secretario, “os esforzos de Saco Arce van na mesma dirección ca os dos poetas que na mesma época reivindican o galego como idioma literario e, polo tanto, de cultura”.  

 O secretario xeral de Política Lingüística estivo acompañado durante a inauguración por Marisol Díaz Mouteira, delegada territorial da Xunta; Rosendo Luís Fernández Fernández, vicepresidente da Deputación de Ourense; da Deputación de Ourense; e Víctor Freixanes, presidente da RAG. Conduciu o acto o académico correspondente e comisario da exposición Afonso Vázquez-Monxardín, quen a continuación lles ofreceu aos asistentes un percorrido guiado pola mostra.  

Homenaxe 

 Tras o xantar, Valentín García participou tamén no acto que o Seminario de Gramática da Real Academia Galega realizou en honra a Juan Antonio Saco Arce. Durante esta homenaxe, que tamén se celebrou no IES Otero Pedrayo, houbo tres relatorios presentados por Rosario Álvarez Blanco e unha mesa redonda. Os relatorios correron a cargo de Juan L. Saco Cid, que trazou o perfil biográfico do homenaxeado; Antón Santamarina, quen analizou A gramática de Saco no contexto da emerxencia destes estudos no seu tempo, e Teresa López, que se ocupou do tema A literatura na gramática: Saco Arce. Na mesa redonda O xurdimento da gramática, moderada por Xosé Luís Regueira Fernández, participaron Francisco X. Dubert García, Xosé. A. Fernández Salgado, Ernesto X. González Seoane e Xurxo Martínez.  

Pai da nosa lingüística 

 Juan Antonio Saco Arce (Alongos, Toén, 1835 – Ourense, 1881) foi profesor de grego, escritor e gramático e está considerado o pai da lingüística galega por ser o autor da primeira gramática elaborada con criterios científicos: a Gramática gallega de 1868. Catro anos antes da publicación deste texto, Francisco Mirás dera a lume o seu Compendio de gramática gallega-castellana, incompleta e de escasa calidade, polo que a de Saco Arce pode considerarse, sen máis, a primeira gramática galega propiamente dita.  

 Saco Arce ocupouse tamén de literatura como tradutor de textos latinos, compilador de composicións tradicionais, prologuista ou poeta. As súas creacións foron recollidas en 1878 no volume Poesías de Don Juan Saco y Arce.

Ningún comentario:

Publicar un comentario